Skip to main content

Definidas 80 liñas de acción para elaborar un plan de turismo realista e viable

Concluíron na Toxa as xornadas sobre o Debate do Estado do Turismo organizado pola Secretaría Xeral para o Turismo. Este traballo é unha iniciativa novidosa que ten por obxectivo levar a cabo un estudo minucioso do Estado do Turismo na actualidade e concluír cunhas liñas de acción consensuadas. Trátase dun plan elaborado dende abaixo ata arriba, tendo en conta todos os compoñentes do sector.

Nestas xornadas presentouse un borrador das liñas de acción resultantes das diferentes fases do traballo e nunha última fase consultaranse de novo os resultados co sector antes de elaborar un informe final. O incremento do peso do turismo na economía, a mellora das oportunidades laborais e o traballo en prol dunha demanda sólida, diversificada e de calidade son algúns dos obxectivos fundamentais que se fixan neste plan de acción sobre as liñas a seguir pola Administración Turística Galega.

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral para o Turismo pretende deseñar un plan de acción realista, viable e executable durante a presente lexislatura. Para iso, analizáronse os datos obtidos dun proceso de participación colectiva e debate continuo entre todos os axentes de planificación, dirección e xestión turística. O resultado deste proceso de análise e reflexión será un documento de consenso, e unha folla de ruta para a política turística de Galicia.

As previsións do plan desprenden significativos incrementos, ata acadar un gasto de 120 euros por persoa, unha estancia media de case tres días no noso país e un aumento da demanda turística dun cinco por cento. As actuacións que se levarán a cabo terán como obxectivos primarios: aumentar a coordinación e cooperación entre os axentes do sector, elevar o nivel de competitividade do mesmo e mellorar o seu nivel de profesionalización mediante a formación e a desestacionalización da demanda.

Catro serán as políticas de actuación referenciais: a ordenación e o desenvolvemento sectorial, os produtos turísticos e as campañas de marketing. Para cada un destes eixos de traballo elaboráronse estratexias coordinadas de desenvolvemento, plasmadas á súa vez en actuacións concretas con obxectivos específicos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia