Skip to main content

O 15 de setembro arranca o III Outono Gastronómico en turismo rural

A Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia e en colaboración coas Asociación Galega de Turismo Rural (Agatur) e mais coa Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) pon en marcha por terceiro ano consecutivo o programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’. Dende o 15 de setembro ata o 15 de decembro máis dun cento de aloxamentos de turismo rural contarán na súa oferta con este produto turístico cuxo obxectivo é aproveitar a excelente oferta gastronómica que propoñen as casas de turismo rural de Galicia, buscando incidir na promoción deste tipo de turismo en meses nos que rexistran polo xeral unha ocupación máis baixa.

Os usuarios do produto teñen a posibilidade de optar polo Menú Outono Gastronómico ou polo Paquete Outono Gastronómico, de xeito que o menú inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións e viños ou outras bebidas polo prezo global de 25 euros (IVE engadido). Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte dentro da oferta. O paquete para dúas persoas componse de 2 menús outono gastronómico máis unha noite en cuarto dobre na casa elixida e dous almorzos. O prezo é de cen euros. No caso de opatar pola opción individual, un menú outono gastronómico, máis unha noite en cuarto individual máis un almozo o prezo será de 60 euros.

Novidade de 2009: a fin de semana Outono Gastronómico

Por primeira vez nesta terceira edición súmase unha nova opción ao programa que é a Fin de Semana Outono Gastronómico. Neste caso, para dúas persoas, a oferta inclúe dúas noites en cuarto dobre na casa de turismo rural elixida (venres e sábado) e catro menús Outono Gastronómico (elixindo entre xantares ou ceas de venres, sábado e domingo) máis catro almorzos (sábado e domingo). O prezo será de 180 euros. No caso da opción individual será de 120 euros.

Os menús que se ofrecen nas casas de Turismo Rural son todos diferentes e especialmente ideados para este Outono Gastronómico. Tanto os menús como a información da campaña poden consultarse na web de Turgalicia www.turgalicia.es de xeito que os clientes poidan estudar previamente tanto as composicións dos menús coo as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlle a elección máis acaída aos seus gustos.

A campaña desenvolverase durante os venres, sábados e domingos dos meses citados e persegue proporcionar unha boa oportunidade para que o público que aínda no coñecía o turismo rural de Galicia se achegue aos pazos, ás casas grandes, as reitorais e ás casas de aldea e lábrana que compoñen a oferta galega do sector.

Esta iniciativa, xa nas anteriores edicións contribuíu a desestacionalizar a oferta que se concentraba en períodos moi concretos do ano e ten na rede unha das súas ferramentas máis importantes de difusión. Na anterior edición comercializáronse máis de tres mil paquetes e uns 600 menús o que xerou uns ingresos resultantes para as casas de turismo rural que participaron que superaron os 300 mil euros. Unhas sete mil persoas participaron no programa, na súa meirande parte galegos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia