Skip to main content

A Xunta impulsará a declaración como ben de interese cultural do Castro de Borneiro, en Cabana

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, o xefe territorial de Cultura e Turismo de A Coruña, Manuel Varela Rey, e técnicos da Consellería reuníronse co alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, para analizar as actuacións previstas para este concello dentro do Proxecto Sectorial do Megalitismo da Costa da Morte. A Consellería de Cultura e Turismo traballa coa previsión de aprobar este proxecto en 2010.

Tras realizar unha visita ao Castro de Borneiro, José Manuel Rey Pichel comprometeuse co alcalde a impulsar a súa declaración como Ben de Interese Cultural, o que implicará a posta en valor do monumento a través de reformas na sinalización, a mellora de accesos e unha protección especial da área. O primeiro paso para a declaración como BIC deste elemento patrimonial é a delimitación do monumento, a definición da superficie de actuación e as parcelas onde se actuará.

Unha vez concluída a elaboración deste estudios, remitirase o informe ao concello como paso previo para obter a súa aprobación antes de ser ratificado polo Consello da Xunta. O estudio contempla tres actuacións principais: identificación das mámoas, delimitación do entorno do castro e reforma dos accesos a área. Dentro das intervencións proxectadas no Proxecto, inclúese a construción de aparcamentos, actualización dos paneis informativos e a sinalización e acondicionamento do entorno para facilitar as visitas a mámoas.

Doutra banda, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, formulou a posible cesión ou compra por parte do concello das Torres da Penela, de cara a facilitar a rehabilitación e recuperación deste monumento, deteriorado polo paso do tempo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

11.000 visitas

O Castro de Borneiro e un xacemento arqueolóxico de finais da Idade de Bronce cunha superficie total de 27 hectáreas. O seu perímetro está rodeado por un foso e muros defensivos e, no interior, permite apreciar como era un poboado da época con instalacións termais, un forno circular, un muíño e varias vivendas circulares e cuadrangulares. Este monumento megalítico destaca pola súa clara orientación o mar, o que permitía os habitantes da época avistar os posibles ataques por vía marítima. Estímase que este castro recibe aproximadamente 11.000 visitas anuais.

Proxecto Sectorial

Respecto ao Proxecto Sectorial do Megalitismo da Costa da Morte, José Manuel Rey Pichel, destacou que o importante é “levalo adiante con éxito” e non centrar o debate sobre a súa ubicación. “Este é un proxecto ámbito pluricomarcal, onde debe de existir una colaboración entre os concellos en non caer en localismos” asegurou. Do mesmo xeito o director xeral do Patrimonio Cultural afirmou que o Proxecto engloba “un programa de actuacións moi importantes, moi pedagóxico para a sociedade galega e que pecha a Rede Galega de Parques Arqueolóxicos”. O fin último deste Proxecto, segundo José Manuel Rey, é “a posta en valor destes monumentos para dalos a coñecer á sociedade”.

O Proxecto Sectorial do Parque do Megalitismo contempla 14 actuacións (máis a do dolmen de Dombate, pero que xa está sendo intervida pola Deputación de A Coruña) en 8 concellos da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Zas, Vimianzo, Carballo, Malpica, Laxe, Mazaricos e Dumbría)

Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico

O Parque Arqueolóxico Megalítico da Costa da Morte pasará a formar parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) como o único complexo de carácter supramunicipal. A RGPA, impulsada dende o Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, estará conformada por outros tres centros complementarios desde o punto de vista histórico e territorial, que buscan o equilibrio entre o rural e o urbano. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, situado no concello de Campo Lameiro, o da Cultura Castrexa, na provincia de Ourense e o do Mundo Romano, en Lugo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia