Skip to main content

A Xunta proxecta un Parque Arqueolóxico do Megalítico na Costa da Morte

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, avanzou en Vimianzo as liñas estratéxicas do proxecto sectorial da Consellería de Cultura e Turismo para o Parque Arqueolóxico do Megalítico da Costa da Morte que comprenderá 70 quilómetros, dende Malpica de Bergantiños ata Fisterra. No proxecto, actualmente en tramitación, defínense un total de 14 áreas de acción en 8 concellos da zona.

No acto no que estiveron presentes o alcalde Alejandro Rodríguez, a representante do PP, Carmen Borbujo, e o arquitecto municipal Julio Vázquez. Segundo o director xeral do Patrimonio Cultural, Rey Pichel asegurou que este Proxecto Sectorial do Megalítico da Costa da Morte pode resumirse como “un documento planificador que fixa políticas, estratexias e temporización que afectará a un ámbito pluricomarcal”. Para o éxito deste proxecto é preciso “unha intervención rápida mais unha abundante información para acadar a concienciación do individuo respecto ao valor do patrimonio”, subliñou. Ao mesmo tempo, defendeu “non caer en localismos” á hora de situar a sede do próximo Parque Arqueolóxico Megalítico da Costa da Morte.

A Consellería de Cultura e Turismo traballa coa previsión de que o próximo ano poida aprobarse o Proxecto Sectorial e, doutra banda, facer viable a creación dunha exposición megalítica de carácter permanente. Neste eido, Rey Pichel, incidiu na “colaboración entre as diferentes administracións, Concello, Deputación e Xunta de Galicia”, para a boa marcha deste novo plan de actuación.

Na reunión, José Manuel Rey Pichel coñeceu de primeira man as propostas e suxestións dos representantes locais como a creación dunha rede de empresas culturais que poida soster o Parque Arqueolóxico ou a fundación dun Museo do Tempo. Do mesmo xeito, o director de Patrimonio comprometeuse a estudar un programa de visitas guiadas; a sinalización, acceso e información no complexo megalítico e seminarios informativos sobre temática arqueolóxica e patrimonial. Na súa visita ao Concello de Vimianzo, o director xeral do Patrimonio Cultural e os representantes municipais percorreron algúns dos 150 túmulos arqueolóxicos da comarca para comprobar de primeira man o estado e necesidades deste patrimonio cultural.

Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico

O Parque Arqueolóxico Megalítico da Costa da Morte pasará a formar parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) como o único complexo de carácter supramunicipal. A RGPA, impulsada dende o Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, estará conformada por outros tres centros complementarios desde o punto de vista histórico e territorial, que buscan o equilibrio entre o rural e o urbano. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, situado no concello de Campo Lameiro, o da Cultura Castrexa, na provincia de Ourense e o do Mundo Romano, en Lugo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia