Skip to main content

O PPdeG solicita á Xunta apoio para un programa de voluntariado cultural cara o Xacobeo 2010

O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta de Galicia a desenvolver un programa de voluntariado cultural de cara ao Ano Santo 2010 que desenrole instrumentos de apoio e modernización da acción voluntaria, a dotación de recursos económicos e tecnolóxicos, así como humanos e de coordinación para que nos diversos puntos de interese do Camiño de Santiago se incorporen ás labores de promoción cultural.

Na iniciativa parlamentaria, a deputada popular María Seoane solicita á promoción do voluntariado cultural entre mozos e mozas galegos que serva de vía de participación da cidadanía e de vehículo de comunicación directa entre a cultura e a sociedade no Ano Santo 2010. Esta actividade do voluntariado será fundamental na conservación, promoción e difusión da nosa identidade cultural, segundo a deputada popular.

O obxetivo da iniciativa é, segundo María Seoane, darlle un pulo dende a Administración pública a participación social e cultural da cidadanía que xa deu mostras dabondo en Galicia de entrega absoluta de esforzo e de valor a favor de causas sociais. Así recordou que ó longo dos últimos anos o movemento voluntario galego tivo oportunidade de amosar a súa solidariedade e compromiso cos demais en graves acontecementos como os derivados da catástrofe do Prestige ou dos incendios que asolaron máis de 100.000 hectáreas en Galicia no ano 2006.

“Pero non só as catástrofes espertan ese movemento na sociedade senón que existe unha inquedanza por colaborar co entorno social e de cara a acontecementos culturais como é o caso do próximo Xacobeo 2010 se comproba a clara puxanza deste movemento” segundo a deputada popular.

Por todo elo indica que é importante articular unha coordinación e promoción desta actividade libre e altruísta para que sexa un elemento dinamizador do Camiño de Santiago e da súa riqueza cultural, un instrumento de apoio á promoción deste nas súas diferentes etapas ao paso polos concellos de Galicia.
Gabinete de Comunicación do Grupo Parlamentario do PPdeG