Skip to main content

A Oficina Municipal de Turismo de Tui recibiu en xullo 7.851 consultas

A Oficina Municipal de Turismo, ubicada na praza da Inmaculada, rexistrou durante o pasado mes de xullo un total de 7.851 consultas, segundo os datos que figuran no rexistro deste servicio. Con respecto ó mesmo período do ano anterior houbo un incremento do 11,86% no número de persoas que demandaron información no posto de turismo municipal.
Os días de maior afluencia de visitantes foron o día 26 de xullo con 333 consultas, o día 10 con 331, o día 19 con 324 consultas, e o día 21 con 302.
O 86,8% do turismo que se rexistra en Tui é nacional, e só o 13,2% provén doutros países. No turismo nacional destaca sobre todo a afluencia de madrileños, seguida de andaluces, leoneses e cataláns. Con menor porcentaxe chegan tamén turistas de Valencia, Pais Vasco, Castela a Mancha e Asturias.

No que ó turismo internacional se refire portugueses e franceses son os que máis nos visitan, seguidos dos arxentinos e británicos. Pero tamén se rexistra afluencia ata Tui de cidadás de Alemaña, EEUU, e Italia.
Segundo os datos recabados pola Oficina Municipal os turistas que se achegan ata Tui segue a ser de paso, representando o 86,4% das consultas. Un 11,6% dos usuarios deste servicio permanecen na cidade nun período inferior ós cinco días, e somentes o 2% restante pernocta en Tui máis de cinco noites.
Así se constata tamén nos datos aportados polos distintos establecementos hoteleiros de Tui, referidos ó mes de xullo, sobre a media de noites de pernoctación. Nas Casas de Turismo Rural “Rectoral de Areas” e o “O Rozo” teñen unha media de ocupación de 2,5 noites, e de 5 noites, respectivamente. No Parador de Turismo San Telmo, o igual que o Hostal Cruceiro do Monte, e no Hotel Alfonso I os hospedes soen pasar dúas noites. A cifra sufre ata as tres noites de estadía no Hotel Colón, e baixa ata unha única noite no Hostal San Telmo.
En canto a ocupación hoteleira rexistrada no pasado mes, segundo os datos facilitados polos establecementos hoteleiros de Tui, oscilou entre o 45% e o 90%. A maior ocupación rexistrouse na Casa de Turismo Rural O Rozo cun 90%, seguida do Parador Nacional de Turismo San Telmo cun 89% e do Balneario de Caldelas onde estiveron ó 80% da súa capacidade. O Hotel Alfonso I rexistrou unha ocupación que oscilou entre o 70 e 0 75%, mentres que na Casa Rectoral de Areas tiveron unha ocupación do 50%. Xa por baixo desa porcentaxe estiveron o Hotel Colon, o Cruceiro do Monte e o San Telmo.
Hai que ter en conta que os datos aportados pola Oficina Municipal de Turismo refírense só a aquelas persoas que demandaron información neste punto. Pero hai tamén outros turistas ou visitantes que se achegaron ata algúns dos outros lugares de información que hai na cidade. Así no caso da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, sita na Área Panorámica, tiveron en xullo un total de 914 consultas, e na Oficina do Xacobeo, tamén na Área Panorámica, contaron con 797 demandas de información.
Entre os principais puntos de interese da cidade para os visitantes destaca a Catedral de Tui. Outro dos lugares de interese é o Parque Natural do Monte Aloia, e moitas das persoas que alí se achegan recalan antes no Centro de Interpretación da Natureza, sita no propio Aloia, que en xullo tiña 2.549 visitantes.
Por último destaca o número de peregrinos que pasaron a noite na cidade no seu camiño cara Compostela. Así durante o mes de xullo durmiron no Albergue de Tui, no casco histórico, 1.559 persoas.
Concello de Tui