Skip to main content

Galicia colaborará na creación dunha escola de hostelería en Exipto

No marco das relacións entre a Federación Exipcia de Turismo e o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo recibiu nas instalacións do Centro na Barcia ao presidente da ETF, Ahmed El Nahas co obxectivo de avanzar no acordo asinado o pasado 27 de abril no Cairo polo que o CSHG porá en marcha unha escola de Hostelería en Minya, unha localidade da provincia do mesmo nome no Alto Exipto.

A ETF está interesada en coñecer o sector turístico en Galicia, así como da labor formativa que desenvolve o Centro Superior de Hostelería de Galicia. Dentro desta visita, que durará ata o próximo domingo, El Nahas, coñecerá outras experiencias empresariais nas que participan alumnos e ex alumnos do Centro, ademais de interesarse in situ polo traballo de consultoría do CSHG.

El Nahas visita o Hotel Monumento San Francisco, que xestiona un ex alumno do CSHG e visita as Rías Baixas, onde fará un periplo por establecementos de Combarro, A Toxa, Cambados e O Grove.
Proxecto de Minya

A visita de El Nahas a Galicia é unha consecuencia do acordo que asinou o CSHG coas autoridades exipcias para a posta en marcha dunha escola en Minya en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), dependiente do Ministerio de Asuntos Exteriores y Cooperación. Responsables do Centro asinaron o acordo coa ETF o pasado 27 de abril en El Cairo para desenvolver a fase de planificación do proxecto durante os próximos 12 meses.

O obxectivo é que a escola de Minya sexa un centro educativo de referencia para a formación de profesionais no sector turístico e hostaleiro de Exipto. Para o CSHG, a intención é plasmar na nova escola o Know How que acumula nos 15 anos de existencia.

O Centro Superior de Hostelería de Galicia, situado en Santiago de Compostela, forma directivos hosteleiros, profesionais preparados para xestionar departamentos, empresas e cadeas do sector hostaleiro e turístico. Creado en 1994, forma parte da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A (Turgalicia) e hoxe ten no mercado a 1.200 ex alumnos en postos directivos de empresas ubicadas en 80 países de Europa, América, África e Asia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia