Skip to main content

O Corpus Christi de Ponteareas, Festa de Interese Turístico Internacional

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través da Secretaría General de Turismo ven de declarar co informe favorable da Secretaría Xeral para o Turismo como Festa de Interese Turístico Internacional ao Corpus Christi de Ponteareas. O Corpus Christi alcanza así o recoñecemento oficial deste distintivo e pasa a formar parte do grupo de festas con esta proxección transfronteiriza, que ata o de agora unicamente ostentan as celebracións compostelanas do Apóstolo, o Festival Celta de Ortigueira, a Romaría Vikinga de Catoira e a Rapa das Bestas de Sabucedo.

O alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, desprazouse hoxe a Santiago para recoller o documento acreditativo da declaración de mans da Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e manifestoulle o seu agradecemento por axilizar os trámites co Ministerio para obter a declaración da festa. E así mesmo, resaltou que esta era unha noticia moi importante para o Concello por ser unha festa na que participa todo o pobo e é un recoñecemento para os seus veciños. Con motivo do encontro, o alcalde de Ponteareas aproveitou a ocasión para solicitarlle á Secretaría Xeral para o Turismo a colaboración na organización do vindeiro congreso mundial de Cidades Alfombristas en Ponteareas. A Secretaria Xeral dixo que estudaría con agarimo a proposta.

Para a declaración dunha festa como de interese turístico téñense en conta que supoñan manifestacións de valores culturais e de tradición popular, con especial consideración ás súas características etnolóxicas e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. Tamén se valora a antigüidade da celebración, a súa continuidade no tempo, o arraigo da festa na localidade ou a orixinalidade e diversidade dos actos que se realicen.

O municipio de Ponteareas, un dos de maior extensión da provincia de Pontevedra, terá a partir de agora unha Festa de Interese Turístico Internacional. Dende comezos do século XX, os veciños confeccionan pola Festividade do Corpus Christi para paso da procesión do Santísimo Sacramento artísticas alfombras elaboradas con flores e produtos naturais. Xa na segunda metade do século XIX adornábanse as rúas da vila por onde se estendían flores e plantas aromáticas para o paso da procesión eucarística, se ben non chegaban a configurarse debuxos. Xa nas primeiras décadas do século XX comezaron a facerse os primeiros debuxos con deseños de grecas, orlas e cenefas. A festa caracterizábase polo seu entusiasmo e era froito da devoción do pobo.
Xa no ano 1947, unha comisión de veciños asume a celebración da festa e aposta por unha maior difusión da mesma. As iniciativas que se promoven: reportaxes, edición de material divulgativo, etc. conseguen que a festa do Corpus Christi acade unha importante transcendencia, froito desa labor foi o recoñecemento en 1968 como Festa de Interese Turístico e poucos anos despois a súa cualificación como de Interese Turístico Nacional.

A festa do Corpus Christi

O proceso de elaboración das alfombras comeza un mes antes da festividade do Corpus co deseño do debuxo realizado polos homes nunha plantilla a tamaño natural para colocala na rúa e marcar o debuxo sobre o asfalto. O material prepárase nos portais das casas sendo un labor tipicamente feminino.Unha vez retirada a plantilla e quedando o deseño da alfombra marcado túpense os espazos co material floral. Finalmente, ata a hora do paso da procesión pulverízase con auga as alfombras para evitar que se estraguen as flores. Durante a procesión dende os balcóns bótanse milleiros de pétalos de flor ao paso do Santísimo.

O Concello de Ponteareas ten ademais varios actos relixiosos e culturais, os relixiosos comezan nove días antes do domingo coa novena e o sábado celébrase unha misa en lembranza dos alfombreiros falecidos e o día do Corpus, ao remate da misa, a procesión do Santísimo percorre os tramos alfombrados. Ademais lese o pregón, organízanse actividades, exposicións de pintura e escultura, etc. O luns despois do Corpus, festivo local, faise entrega das Medallas de Plata do Corpus, distinción creada polo concello para premiar a aquelas persoas que elaboraran os tramos alfombrados máis distinguidos.

Do sábado 13 ao luns 15 de xuño a vila pontevedresa acolle a celebración do Corpus por primeira vez coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia