Skip to main content

O Goberno galego inicia os preparativos do Xacobeo 2010

O Goberno galego comezou os preparativos do Xacobeo 2010. Tras o encontro mantido onte co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña e mais a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, reuníronse co arcebispo de Santiago, monseñor Xulián Barrio, para dar inicio aos preparativos do vindeiro Ano Santo Compostelano. Esta reunión, previa á presentación mañá no Consello da Xunta dun informe preliminar sobre os preparativos do Xacobeo 2010, estará seguida dun encontro durante a tarde de mañá xoves en Madrid coa Ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde.

Durante o encontro mantido o arcebispo compostelán confirmou que a semana que ven se fará oficial a Declaración do vindeiro ano 2010 como Ano Santo Compostelán. O Goberno galego considera de gran importancia que se produza esta comunicación oficial para pór en marcha as accións de preparación do próximo Ano Xubilar.

No informe preliminar que se presentará no Consello da Xunta abórdanse temas como o financiamento, as accións de promoción, a programación, o acondicionamento das rutas e das infraestruturas nos Camiños de Santiago e mais os proxectos innovadores para o 2010.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia