Skip to main content

Abertas ó público as Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo

As xestións realizadas a tres bandas pola Deputación, Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía permitiron a reapertura das Covas do Rei Cintolo, situadas no municipio mindoniense. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañados da Concelleira de Medio Ambiente, Magdalena Doménech, e do Concelleiro de Turismo, Víctor Vila, visitaron as Covas que quedaron abertas definitivamente ó público.

Logo de que a Federación interpuxese un recurso que obrigou á suspensión das visitas en 2006, a Xunta de Goberno provincial aprobou en decembro a retirada do proxecto das obras de acondicionamento que o anterior goberno da Deputación ía levar a cabo no interior da cavidade, o que conlevou unha indemnización de 11.860 euros á empresa, cantidade equivalente ó 3% do presuposto de adxudicación.

O titular provincial destacou que “nós fixemos os deberes e sempre tivemos vontade de colaborar co Concello e a Federación neste asunto porque se trata dun importante patrimonio natural. A xente debe saber que tivo que chegar o actual goberno da Deputación para que este tema que arrastramos desde 2006 quedase desbloqueado. Agora todos podemos disfrutar das Covas”.

Precisamente, as Covas do Rei Cintolo atópanse dentro dunha rutas do programa da Deputación Km0. Ata o de agora, os participantes na iniciativa que escollían o itinerario tan só podían subir ata a gruta sen poder adentrarse no seu interior. Desde hoxe, a maior cavidade crástica de Galicia, descuberta a finais do século XIX polo arqueólogo mindoniense José Vilaamil, tamén poderá ser visitada a través da iniciativa da Deputación.

As visitas terán unha duración de 1 hora e quince minutos e serán sempre en grupo de once persoas como máximo, incluído o guía, e para maiores de 12 anos. En abril e maio abrirán durante as fins de semana para o público en xeral, a excepción da Semana Santa que estarán dispoñibles todos os días agás o luns. Haberá dous turnos: ás 12:00 e ás 17:00 horas. A partir de xuño ampliarase o horario. O visitante recibirá casco con iluminación e un mono de celulosa de un só uso para facilitar o acceso no seu interior. O custe será de 15 euros.

Foi a comezos de 2006 cando o Concello mindoniense recibiu unha orde xudicial que lle ordenaba suspender estas visitas, tal e como esixía a Federación Galega de Espeleoloxía. Desde que se abriran calcúlase que pasaron polas Covas unhas dúas mil persoas que supuxeron uns ingresos para as arcas municipais de 24.000 euros.

Antecedentes

A Deputación, a petición do Concello de Mondoñedo, en febreiro de 2004 acordou aprobar o proxecto para a rehabilitación interior das Covas e solicitou a realización das oportunas xestións que serían financiadas ó 50% entre o Ministerio de Administracións Públicas e a Deputación. Nese mesmo ano, aprobouse pola Xunta de Goberno o proxecto redactado por importe de 395.346 euros, financiándose do seguinte xeito: MAP (197.673 euros), Deputación (118.603 euros) e Concello (79.069 euros). Posteriormente, adxudicouse as obras a EXTRACO S.A e unha mellora da mesma por valor de 31.583 euros. Os traballos contarían cun prazo de execución de 6 meses. En 2005 solicitouse ó MAP unha prórroga para a realización das obras.

Tivo que chegar o actual equipo de goberno para que en 2008, respondendo á petición do Concello de Mondoñedo e á Federación, a Deputación acordase retirar o proxecto e iniciar os trámites de resolución do contrato coa empresa adxudicataria e iniciar o desbloqueo do contencioso. O conflito quedou pechado logo de que a Xunta de Goberno provincial aprobase en decembro de 2008 a retirada do proxecto das obras de acondicionamento que a Deputación ía levar a cabo no interior da cavidade.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo