Skip to main content

A exposición Galiciadixital exhíbese en Roma (Italia)

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, participou na inauguración da exposición itinerante Galiciadixital coa que a Secretaría Xeral de Comunicación está presente na Josp Fest, a I Feira Internacional de itinerarios de peregrinación, que se desenvolve ata o 18 de xaneiro na Nuova Fiera de Roma.

A Secretaría Xeral de Comunicación marcase dous obxectivos coa exposición. Dunha banda, conseguir que os visitantes disfruten cunha experiencia nova e diferente á dos museos convencionais ao coñecer as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo audiovisual de xeito lúdico. En segundo lugar preténdese que a mostra sirva de escaparate e ponte natural entre o traballo que están a desenvolver as universidades e as empresas galegas co resto da sociedade.

Así mesmo, Fernández Iglesias sinalou que a mostra está pensada para que os seus visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades. Fernández Iglesias valorou a presenza da Secretaría Xeral de Comunicación nunha iniciativa deste tipo “que nos permite amosar o traballo galego máis aló das nosas fronteiras e ensinarlle ao mundo que somos pioneiros en novas tecnoloxías e na incorporación dos cidadáns á sociedade da información”, salientou.

Os visitantes da Josp Fest poderán disfrutar nun stand de 100 metros cadrados dalgúns dos contidos desta exposición que pretende dar a coñecer unha Galicia diferente a través dunha viaxe de sensacións, luces e sons. O stand de Galicidixital ofrecerá aos asistentes á feira a posibilidade de desfrutar do tiraboleiro virtual, dando a coñecer así o uso do emblemático botafumeiro da catedral compostelá. Os visitantes do stand da Secretaría Xeral de Comunicación poderán tamén visualizar imaxes panorámicas de 360º, onde se poden observar en movemento os lugares emblemáticos do camiño. Ademais da proxección de películas en 3D, a exposición itinerante Galiciadixital leva tamén a Roma o seu novo contido, “Aerodeslizadores de Compostela”, un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica.

A feira

A Josp Fest, organizada pola Obra Romana de Peregrinacións, xurde coa intención de promover un turismo temático, dedicado aos itinerarios de peregrinación. Trátase dun evento innovador que emprega as novas tecnoloxías para amosar unha nova forma de facer turismo, facendo que as persoas entren en contacto co territorio, coas tradicións e a cultura, mentres o percorren. Trátase dunha feira na que participan os países vencellados aos grandes destinos de peregrinación mundiais como Santiago de Compostela, Jerusalén, Roma e A Meca. O stand da mostra da Secretaría Xeral de Comunicación foi visitado esta mañá polos representantes dos concellos galegos polos que pasa o camiño de Santiago participantes na mesma.

Coa súa presenza na Feira, a Secretaría Xeral de Comunicación pretende dar a coñecer parte dos contidos da exposición Galiciadixital, pola que xa pasaron máis de 450.000 visitantes e que este ano, 2008, recibiu 2.000 visitas máis que o anterior. Neste ano que remata, a exposición itinerante foi visitada por máis de 20.000 persoas nas 18 localidades que visitou (7 na provincia da Coruña, 4 en Lugo, 3 en Ourense e 4 en Pontevedra).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia