Skip to main content

O Xacobeo promove unha serie de animación sobre os contos do Camiño de Santiago

As historias procedentes de diferentes pobos e culturas coas que os camiñantes que percorrían o Camiño de Santiago animaban a súa andaina acaban de converterse nunha serie de animación audiovisual, “Os Contos do Camiño”, realizada en Galiza e en galego, da man da S.A. de Xestión do Plan do Xacobeo, dependente da Consellería de Innovación e Industria, en colaboración con OQO Editora. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentar en Lugo a serie de animación nun acto no que estivo acompañado do director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, e representantes de OQO Editora.

A serie está dirixida ao público familiar e busca popularizar entre os máis cativos as diferentes rutas xacobeas como camiños de interculturalidade, xa que cómpre salientar que nestas vías converxeron contos de todo o mundo traídos polos viaxeiros e viaxeiras, que portaban co seu camiñar lingua, palabras e a cultura dos seus respectivos lugares de orixe. Isto serviu non só para enriquecer o patrimonio oral galego, senón tamén para espallalo, coas historias que se levaron con eles. A serie, que xa conta con 4 capítulos rematados, chegará ás 26 gravacións e pretende que os máis cativos coñezan os camiños de Santiago, pero non dun xeito documental, senón espertando a súa curiosidade a partir de historias vividas e contadas.

A serie encádrase no proxecto “Contos do Camiño”, que inclúe sesións de contacontos, plástica e audiovisual para nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria en centros educativos das localidades polas que pasan as distintas rutas xacobeas e busca implicar no coñecemento do Camiño a toda a comunidade escolar, dende os nenos ao profesorado pasando por nais e pais; por iso o material literario, plástico e audiovisual pode incorporarse aos curriculos das escolas. Segundo explicou o conselleiro nacionalista, as actividades realizadas neste programa chegaron xa a 10.000 nenas e nenos de toda Galiza, estando previsto que nos vindeiros dous cursos poidan participar outros 10.000. Concretamente para 2009 estableceuse a presenza en cando menos 75 colexios do país e preténdese que a medio prazo se estenda a todos os concellos galegos.

Fernando Blanco indicou que esta actividade promocional tamén se está a levar fóra do país, tal e como xa aconteceu na Expo de Zaragoza celebrada este verán. De igual xeito, os “Contos do Camiño” levaranse en 2009 e 2010 a Óbidos, Lisboa e Évora, en Portugal; e a Bordeaux e Aquitania, en Francia. Así mesmo, a serie de animación terá presenza no Instituto Cervantes de Madrid o primeiro trimestre do vindeiro ano e no mes de abril protagonizará as actividades de animación do departamento de pedagoxía do Museo Thyssen Bornemisza, tamén en Madrid. O investimento que se está a realizar por parte do departamento autonómico ascende a 600.000 euros.

O titular de Innovación e Industria encadrou este programa no marco de actuacións desenvolvido pola consellaría cara ao ano xubilar de 2010, para o que se vai mobilizar un investimento superior aos 141 millóns de euros. Segundo dixo o conselleiro, a celebración do Xacobeo 2010 como fenómeno cultural, espiritual e turístico vai permitir dinamizar a economía galega ao tempo que contribuirá notablemente a promocionar os valores do país.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia