Skip to main content

Armando Cotarelo, novo director do Orfeón Lucense

Armando Cotarelo ven de ser nomeado Director do ORFEÓN LUCENSE, agrupación que acaba de celebrar o seu primeiro cuarto de século de existencia despois da fundación por José Castiñeira Pardo e os 128 anos da primeira agrupación fundada por Xoán Montes Capón.

Cotarelo substitúe no posto de director a Nemesio Gutiérrez, que desde o
pasamento do fundador en 1989 ata o presente ano tivo a responsabilidade do Orfeón Lucense e da Escolanía José Castiñeira da Deputación Provincial de Lugo.

O novo director, Armando Cotarelo, profesor de guitarra, ten dirixido
varias corais de Lugo e provincia, e leva máis de corenta anos vencellado
coa música e formando parte de diversas agrupacións.

Nemesio Gutiérrez deixa a dirección desta agrupación por motivos persoais, se ben seguirá formando parte do Orfeón, co que está vencellado desde a súa fundación, e antes desta co mestre Castiñeira na Schola Cantorum do Seminario de Lugo.

O novo director foi presentado días pasados ó Cabido da Catedral, xa que o Orfeón é o coro oficial do primeiro templo lucense, e ós membros do Orfeón nun acto de comezo de curso no que participou tamén Nemesio Gutiérrez.

A primeira vez que o Orfeón vai actuar co novo Director é na Misa de San
Froilán, o día do patrón lucense, no altar maior da Catedral Lucense. O
próximo 12, Domingo das Mozas, cantará a tradicional misa en latín que se celebra na igrexa de San Pedro coincidindo coa feira medieval.

No remate da súa etapa como Director, forzado polas circunstancias, o
Orfeón Lucense quere agradecer publicamente a Nemesio Gutiérrez o seu
traballo e esforzos durante case vinte anos, conseguindo levar a esta
Agrupación a un moi digno nivel, mantendo a posición e a traxectoria
marcada polo fundador, e proporcionando á colectividade, ademais de
formación musical, un clima de convivencia e amizade do que todos somos
beneficiarios.
Orfeón Lucense