Skip to main content

A exposición En Camiño inicia en Xenebra o seu percorrido europeo

A exposición audiovisual itinerante “En Camiño” –organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración coa Asociación de Cámaras de Comercio do Camiño de Santiago– comeza o seu circuíto europeo en Xenebra. A exposición estará aberta até o día 8 de outubro na sala de exposicións da Universidade da cidade suíza. Ao acto inaugural, que terá lugar mañá mércores, ás 19 h., acudirá o director xeral de Turismo, Rubén Lois, o presidente da Cámara Oficial de Comercio Hispano Suíza, así como autoridades do cantón e cidade de Xenebra.

O 8 de outubro, con motivo da clausura da exposición, celebrarase un encontro sobre o Camiño de Santiago no edificio Uni-Dufour da universidade xenebrina, que inclúe conferencias de distintos estudiosos do Camiño como o presidente da Asociación Suíza dos Amigos do Camiño de Santiago, Bernard de Senarclens; ou a ex membro do Parlamento Federal de Suíza e conselleira nacional, Gabrielle Nanchen, autora do libro “Compóstelle: de la Reconquista à la Réconciliation”.

Destino Alemaña

Logo de Xenebra, a exposición trasladarse á tamén cidade suíza de Zurich, onde será inaugurada o 13 de outubro, para posteriormente desprazarse a Alemaña, concretamente ás cidades de Frankfurt e Berlín. Ademais do circuíto europeo a exposición tamén recalará nas cidades de Zaragoza e Xixón; na primeira entre os días 3 e 29 de outubro e na segunda entre o 3 e o 15 de novembro.

Para poder acometer este dobre circuíto simultáneo, organizouse unha versión especial para Europa da exposición na que se ofrecen un documental sobre a ruta xacobea e as distintas visións sobre o Camiño dalgúns dos fotógrafos galegos máis recoñecidos: Tono Arias, que centra o seu traballo no Camiño Francés; Xoán Rodríguez, que o fai no Camiño Inglés; Xurxo Lobato, que se centra no Camiño de Fisterra e Muxía; e Vari Caramés e Tino Martínez, que ofrecen a súa mirada sobre a cidade de Santiago de Compostela.

A exposición xa estivo en Porto, Lisboa, Barcelona, Palma de Mallorca e Castellón, onde será clausurada hoxe martes, 30 de setembro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia