Skip to main content

Lugo acolle o Congreso Internacional sobre Xestión Turística dos Monumentos e Cidades Patrimonio

A Consellaría de Innovación e Industria e a Universidade de Santiago sentaron as bases de colaboración para a organización en Lugo do Congreso Internacional sobre a Xestión Turística dos Monumentos e das Cidades Patrimonio da Humanidade. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o reitor da USC, Senén Barro, asinaron un convenio para a celebración deste congreso extraordinario da Liga das Cidades Históricas do Mundo, á cal pertence Santiago de Compostela e que a Consellaría financia cunha achega de 100.000 euros.

O Congreso celebrarase entre os días 22 e 24 de setembro no Círculo das Artes da cidade de Lugo, desenvolvéndose o día 25 unha visita á zona histórica de Santiago. Ás sesións comparecerán relatores de diferentes cidades patrimonio da humanidade para poñer de relevo os seus modelos de xestión turística. Así destinos urbanos de primeira orde internacional como Florencia, Kyoto, Riga, Belén, Lviv, Angkor, Córdoba, Macao e Santiago serán obxecto de análise por parte de 13 expertos nas relacións entre xestión turística e patrimonio. O congreso está dirixido a profesionais relacionados co urbanismo, a arquitectura, o turismo e a Administración, así como técnicos de xestión do patrimonio local e axentes de desenvolvemento de políticas locais.

Segundo explicou o conselleiro de Innovación no acto de presentación, a consecución do Congreso para o noso país é “importante” para Lugo e para Santiago en particular, xa que co evento non só se terá un mellor coñecemento das experiencias de promoción turística doutras cidades cun rico patrimonio, senón que “acadamos repercusión internacional para ambas e un recoñecemento das cualidades que avalan a súa oferta turística”. Esta oportunidade de promoción para o turismo galego é froito do compromiso acadado polo titular nacionalista na viaxe ao Xapón do ano 2007. Alí a delegación presidida por Fernando Blanco estableceu relacións coa cidade de Kyoto, coa Liga de Cidades Históricas do Mundo (www.leaguehistoricalcities.com) e afondou no irmanamento existente entre as respectivas rotas culturais como o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano en Xapón.

Os debates e intercambio de experiencias sobre cada un dos modelos de xestión turística, segundo dixo o conselleiro, axudarán a consolidar as redes institucionais e reforzar a posición das cidades Patrimonio da humanidade. A finalidade do Congreso, engadiu, será acadar o obxectivo común de promocionar un tipo de turismo urbano sustentábel.

O conselleiro recordou, neste sentido, que o seu departamento está a promocionar a oferta turística galega como un destino de calidade, moi asociado aos conxuntos e monumentos patrimonio da humanidade, como a Muralla de Lugo, a cidade de Compostela e o propio Camiño de Santiago. Asemade, a Consellaría está a facer da promoción do turismo urbano un dos seus piares para lograr a desestacionalización e a diversificación turística. A promoción dos cascos históricos das vilas e cidades estase a impulsar aproveitando o rico patrimonio monumental, histórico e cultural que posúen. En particular, segundo dixo Fernando Blanco, a Consellaría de Innovación e Industria apoia con 6,5 millóns de euros a creación nos vindeiros dous anos de establecementos singulares en núcleos urbanos, para que os visitantes poidan gozar de instalacións hoteleiras de calidade, en consonancia co desenvolvemento que o turismo urbano está a acadar internacionalmente.

O conselleiro sinalou, por último, que Galiza está a participar tamén na Liga de Cidades Históricas do Mundo a través do Xacobeo, o cal indica “unha alta significación” pois nela están representados máis de cen países de todos os continentes e posibilita unha “proxección internacional indubidable”. Blanco considerou que este será un dos foros “privilexiados” onde difundir a oferta e programación do grande evento que vai ser o Xacobeo 2010, para o que o conselleiro agarda “atraer a máxima atención de todo o mundo”.

Programa completo do congreso:
http://www.usc.es/idega/files/programa_en_galego.pdf
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia