Skip to main content

O novo albergue de peregrinos de Sobrado dos Monxes ofrece 56 prazas

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou as instalacións do albergue de peregrinos de Sobrado dos Monxes, unha actuación financiada polo departamento autonómico a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, cunha achega total de case 600.000 euros, nunha intervención sobre 615 m2 e coa que se acadan as 56 prazas de aloxamento.

Esta actuación permitiu rehabilitar a planta baixa e o primeiro andar da histórica hospedaría do Mosteiro de Santa María, coa dotación dos dormitorios, as habitacións e espazos comúns. A intervención fíxose logo de restaurar os diferentes materiais da construción e renovar o saneamento, a fontanaría e as instalacións eléctricas. Ademais, incorporáronse sistemas de detección de lumes e de calefacción, así como ascensor e aseos para discapacitados. O conselleiro nacionalista explicou que ao tratarse dun edificio de grande valor patrimonial e histórico, as obras requiriron duns traballos arqueolóxicos previos que motivaron pequenas adaptacións no proxecto inicial. Fernando Blanco tamén avanzou que a próxima sinatura dun convenio de colaboración con Caixa Madrid co obxectivo de acometer obras de mellora na igrexa do mosteiro, unha actuación que vai supoñer unha achega de 500.000 euros por parte do departamento autonómico.

O titular de Innovación e Industria destacou que no ánimo da Consellaría está estender os beneficios do fenómeno xacobeo ao conxunto do país e non só a Santiago de Compostela ou ao Camiño Francés, e neste contexto enmarcou a actuación no albergue de Sobrado que, situado no Camiño Norte, contribuirá a dinamizar turística e economicamente esta comarca do interior. Igualmente avanzou que a día de hoxe están en marcha ou se van executar ao longo do ano obras no Camiño Norte por importe de 1,7 millóns de euros, entre as que citou as intervencións nos albergues de Ribadeo e Trabada, as recuperacións de elementos patrimoniais como a telleira de Boimorto ou a capela de Santa Comba de Pías (en Mondoñedo), ou o Centro de Interpretación do Camiño Norte, tamén en Mondoñedo.

Por último, o titular de Innovación e Industria recordou que de cara ao ano Xacobeo 2010, a Consellaría está a poñer en marcha un ambicioso plan para potenciar ao máximo as distintas rutas xacobeas, impulsando actuacións que van supoñer a mobilización de 141,4 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia