Skip to main content

Hosteleiros colaboran na promoción de Lugo con novos baixo pratos

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou con Cheché Real, o presidente da Asociación de Hostaleiros da provincia de Lugo unha campaña promocional de achegamento da nosa cultura e dos lugares turísticos de referencia aos turistas que se achegan á nosa provincia.

Ao longo destes meses repartiranse ao longo de toda a provincia de Lugo 200.000 baixo pratos entre os establecementos de hostalaría onde se promocionarán os lugares turísticos de interese e os museos pertencentes á Rede Museística Provincial.

O vicepresidente da deputación resaltou “o papel que deben xogar este tipo de iniciativas para impulsar que mais visitantes coñezan a provincia de Lugo na súa totalidade e non só a cidade e que ao mesmo tempo coñezan a riqueza patrimonial que esconde unha provincia como a nosa”.

Ao mesmo tempo puxo de manifesto que neste ano onde o Museo Provincial está de 75 aniversario tense que dar a coñecer esta efeméride e difundila a través da hostalaría lucense. Do mesmo xeito que se amosan aos visitantes da nosa provincia os atractivos turísticos que representan os museos pertencentes á Rede Museística Provincial.
Vítor Otero (xefe de Gabinete da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo)