Skip to main content

A Xunta inviste 500.000 euros nunha campaña de concienciación cidadá e profesional sobre o valor do turismo

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois, e o director-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Xesús Pereira, presentaron en Santiago a primeira campaña de comunicación interior destinada a incentivar a concienciación cidadá en materia turística, unha campaña que ten como obxectivo principal reforzar a imaxe positiva que teñen do territorio galego como destino turístico aqueles que visitan o país ao longo do ano.

A campaña “Galicia é como ti es” busca un compromiso dos galegos e as galegas en xeral e a dos profesionais da hostalaría en particular para que, a través das súas actitudes cotiás, promovan a perceción dun destino amable e respectuoso coa xente e o contorno.

Deste xeito, a creatividade, fundamentalmente spots televisivos e anuncios en medios de comunicación escritos, ofrecerá distintas mensaxes que fomentan a complicidade: “Cando a coidas, cando sorrís, cando a protexes ou cando es amable, compartes o mellor de Galicia, o mellor de ti”. Trátase de facer Galiza un destino “inesquecible” a través das actitudes positivas cara o propio país.

Orzamento

Para levar a cabo esta actuación, a Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, destinará 500.000 euros que se investirán na difusión desta mensaxe nos medios audiovisuais e escritos de Galiza ao obxecto de achegarse ao meirande número posible de galegos e galegas ao longo do mes de xullo, xusto no momento no que comeza a despuntar a campaña turística estival.

Este orzamento permitirá emitir preto de 300 pases dos spots de 30 e 40 segundos nas canles de televisión con cobertura no territorio galego e inserir máis de 40 anuncios publicitarios na prensa periódica galega ao longo do mes de xullo.

Factor humano

O deseño desta campaña de comunicación sitúase na necesidade de incentivar a resposta positiva da poboación galega cara os visitantes, logo de observar que un dos factores mellor valorados do destino Galiza é a boa acollida da cidadanía.

O turismo vense consolidando no último lustro coma un potente motor económico para Galiza, tanto no que se refire ao volume de ingresos anuais por turista como no relativo á creación de oferta, aspecto este no que se ven observando un ritmo sostido de incremento nas prazas turísticas. Neste sentido, cómpre lembrar que o ano pasado Galiza recibiu máis de 5,7 millóns de visitantes, dos que un 85 por cento procedían do Estado, o que sitúa a Galiza coma un destino preferente dentro do territorio peninsular.

A Consellaría entende que é precisamente no turismo nun dos sectores económicos onde máis inflúe a actividade humana, a propia actitude das persoas dentro do propio destino repercute directamente na imaxe turística do país, polo que o departamento autonómico quere contribuír con esta campaña a concienciar á poboación galega en xeral, e aos profesionais da hostalaría en particular, da súa capacidade para influír positivamente na boa marcha do sector turístico e, polo tanto, na boa marcha do conxunto da economía galega.

Campaña xeral de promoción turística

Por outra parte, nas últimas datas do mes de xuño, rematou a campaña de comunicación no ámbito estatal do destino turístico Galiza. Con esta acción, o turismo galego foi un dos máis e mellor promocionados cara a tempada de verán, xa que a mensaxe publicitaria transmitida a través das principais canles de televisión foi vista polo 90,8% da poboación do Estado maior de 16 anos, o que supón máis de 35.000.000 de persoas. Un dato claro da eficacia desta campaña no eido da comunicación foi que o 40% dos españois maiores de 16 anos viron o spot 10 ou máis veces ao longo do mes de xuño.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia