Skip to main content

A Xunta promociona o Festival de Ortigueira en Expozaragoza

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar; a subdirectora xeral de Fomento e Cooperación turística da Consellaría de Innovación e Industria, Pilar Morgade; o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; Santiago Tolmos, responsable de zona de Caixa Galicia e mais o director do evento, Francisco Rivera presentaron no Centro Internacional de Prensa de Expozaragoza a nova edición do Festival de Ortigueira. O encontro celta máis internacional do verán galego chega este ano á súa 30 edición e as entidades organizadoras celébrano enmarcándoo no programa de actividades para a promoción de Galicia na Expo. O Mundo Celta conta con 25 concertos gratuítos e cunha decena de propostas paralelas.

O xerente do Xacobeo, Ignacio Eguíbar, explicou na súa intervención durante a presentación que este festival é o maior e mellor festival de música celta do Estado. Este ano participa por primeira vez a Consellaría de Innovación e Industria a través do Xacobeo cun importante reforzo orzamentario que permite facer un programa máis amplo e máis variado. Pola súa parte, o alcalde de Ortigueira manifestou que “pola calidade da súa música, este festival é o mellor de Europa”. “Aquí dase unha convivencia de culturas con cen mil persoas convivindo no pobo durante catro días”, dixo.

A subdirectora de Fomento e Cooperación turística da Consellaría de Innovación e Industria, Pilar Morgade, explicou que este evento foi declarado en 2005 como Evento de Interese Turístico Internacional e que “se trata dunha das poucas festividades de Galiza que conseguiu este recoñecemento”.

Por outro lado, o director do festival, Francisco Rivera, asegurou que “Ortigueira move a máis xente que calquera grande concerto de música rock e este ano celebramos o noso 30 aniversario e quixemos convocar para isto a nomes históricos do folk europeo, e a artistas galegos de renome”. O festival conta tamén cun espazo para grupos noveles. Rivera recordou ademais que “cando comezamos en 1978, o Festival de Ortigueira era o festival da liberdade”.

A unha semana do arranque do Festival –que se celebra entre os días 10 e 13 de xullo– o alcalde de Ortigueira sinalou que está todo preparado para recibir ás miles de persoas que por uns días serán acollidos por este municipio de pouco máis de 7.000 veciños. Segundo o rexedor, os visitantes, que nos últimos anos superaron os cen mil, chegarán á vila coruñesa atraídos pola mellor música celta, a convivencia multicultural en plena natureza e máis a gratuidade total do evento.

O Festival de Música Celta de Ortigueira foi declarado en 2005 como evento de Interese Turístico Internacional. A súa programación para esta nova edición caracterízase pola súa variedade, calidade e carácter multidisciplinar.

O cartel do Escenario Celta Estrella Galicia, o principal, aposta ás claras, pola promoción internacional dos grupos galegos. Presentan os seus últimos traballos Fía na Roca, Uxía, Xochilmica ou Sondeseu. Esta última formación é a primeira orquestra folk de Europa que, tras a súa actuación en Ortigueira, viaxará directamente á capital aragonesa para abrir a Semana de Galicia na Exposición Internacional de Zaragoza.

O festival salda tamén unha vella débeda cos seguidores de The Dubliners, os escoceses Boys of The Lough e os renacidos Moving Hearts, tres bandas míticas da órbita celta que, tras décadas en xira, debutan en Ortigueira. Tamén hai lugar para propostas de raíz como a das finesas Värtinä ou a dos alemáns 17 hippies.

A oferta musical compleméntase cos concertos pola tarde dos finalistas do Proxecto Runas’08, destinado a impulsar as bandas noveles de folk de toda a Península. O certame, cun orzamento que supera por primeira vez os 700.000 euros, completa a súa oferta lúdica cun amplo abano de actividades paralelas para todos os gustos. Feira de artesanía, exposicións, obradoiros de percusión, desfiles de bandas de gaitas das nacións celtas, entre outras actividades, complementan as propostas deste evento que se consolida como escaparate de diferentes disciplinas artísticas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia