O Xacobeo participa no XX Encontro Compostelán en Italia

Na sua intervención no encontro, Caucci destacou o proxecto que desenvolven os membros do Centro Italiano de Estudos Compostelans coa Consellaría de Innovación e Industria a través da súa Dirección Xeral de Turismo, a mostra itinerante sobre o camiño que une Santiago e Roma que esta primavera se puido visitar no Vaticano e que ten unha segunda itinerancia prevista para o verán en Turín. Tamén falou da necesidade de promocionar, estudar e reactivar a Vía Francixena e mais do recente irmanamento entre Santiago de Compostela e Assis. Entre os proxectos da Asociación Italiana, que tamén dirixe Caucci, está así mesmo a recuperación do Camiño Franciscano. Recentemente, a asociación ven de inaugurar o seu novo albergue en Asis, que se une aos que xa rexentan en San Nicolas de Puentefitero e mais en Radicofani.
No encontro, representantes do Xacobeo abordaron a relación da S.A. coas Asociacións de Amigos do Camiño e da importancia destas organizacións para o turismo de Galiza pola súa importancia como axentes de promoción. Propuxéronse así mesmo estratexias conxuntas de promoción do Xacobeo 2010 e a apertura de liñas de colaboración cara á reactivación da Vía Francixena. Varios membros da Confraternita expuxeron tamén as súas investigacións recentes sobre a ruta xacobea facendo especial mención as testemuñas da difusión da iconografía de Santiago no mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia