Skip to main content

Via Stellae 2008 ofrece 85 concertos en 35 vilas dos oito camiños xacobeos

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez presentou en Santiago a terceira edición do “Vía Stellae, o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños” que dende o 2006 organiza o departamento autonómico a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e que este ano vaise desenvolver entre o 4 e o 23 de xullo. No acto de presentación desta programación cultural estival estiveron presentes tamén o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar; o tenente de alcalde do Concello de Santiago, Néstor Rego; e mais o director do festival, José Víctor Carou.

O festival de música Vía Stellae acadou en anteriores edicións un notable recoñecemento entre o público e a prensa especializada e, cun orzamento de 1,2 millón de euros, este ano preséntase coa ollada posta no Xacobeo 2010, ano no que a Consellaría pretende duplicar a programación ofertada. O centro da programación desenvólvese en Santiago de Compostela pero o Vía Stellae tamén espalla as súas actividades polas cidades e vilas galegas situadas nas oito rutas de peregrinación que conducen a Compostela. Os Camiños de Santiago, como vías centenarias de intercambio cultural, constitúen unha vez máis un contorno privilexiado que, nun total de 85 concertos, servirá como punto de encontro para músicos de primeiro nivel internacional.

Posta en valor do patrimonio xacobeo

Como en anteriores edicións, os lugares que van acoller os concertos serán unha combinación de espazos pensados en orixe para acoller espectáculos e edificios singulares, como igrexas e recintos de alto valor arquitectónico do Camiño. Con esta idea preténdese pór en valor o patrimonio das rutas xacobeas. O Vía Stellae está a destacar no panorama estatal e europeo como un dos festivais que conta con intérpretes de máis alta categoría. Este ano, ademais de seguir contando con destacados directores como Marc Minkowski, John Elliot Gardiner, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon ou Giovanni Antonini, o Vía Stellae incorpora novos nomes: Martín Gester, Philip Pickett, Federico María Sardelli ou Daniel Harding son algúns dos novos directores que visitarán Galiza coa súa música. Moitos deles ofrecen durante o festival concertos en exclusiva para o Estado e tamén concertos preparados en exclusiva para o Vía Stellae.

O Vía Stellae acolle ademais, nesta a súa terceira edición, a presentación mundial da nova agrupación inglesa Magdalena Consort, dirixida polo especialista Peter Harvey e que revisa a interpretación das obras de Bach; deste xeito, a formación ofrecerá o seu primeiro concerto en Santiago.

O Barroco –con epicentro en Bach e con outros compositores como Vivaldi ou Händel, de quen o vindeiro ano se cumpren os 250 anos da súa morte e a quen se lle dedicará un programa especial– continúa a ser o eixe central do festival pero a súa programación tamén se verá enriquecida con música contemporánea, antiga, do clasicismo ou do romanticismo.

O festival promovido por Innovación e Industria abre nesta edición novas canles de colaboración e así, 5 dos seus proxectos gravaranse en CD durante o festival. Deste xeito gravaranse a Misa en si menor de Bach dirixida por Minkowski e o concerto para violín de Tchaikovski interpretado por Janine Jansen e a Mahler Chamber Orchestra, respectivamente; así como os programas de Mónica Piccinini e Manuel Vilas, de Mercedes Hernández e Fernando Reyes, e o de Marta Infante e a nova agrupación Ars Atlántica.

Ademais de continuar cos programas Concertos Express (breves sesións de 30 minutos de música en claustros de Compostela) e Música e Arte (concertos que inclúen visitas guiadas a espazos arquitectónicos singulares), este ano o festival presenta unha novidade, o “Vía Stellae 20/21”, un ciclo de seis concertos dedicados á música destes séculos, á música contemporánea, aos clásicos do século XX, ás vangardas e aos creadores galegos actuais. Autores como Bal y Gay, Paulino Pereiro ou unha xornada dedicada a Gaos, Quiroga e Juan Durán, son exemplos da presenza dos compositores galegos compartindo cartel cos clásicos internacionais. De igual xeito, o programa inclúe a participación dos intérpretes galegos como o pianista Nicasio Gradaílle, o saxofonista Pablo Coello ou os integrantes do recentemente fundado Ensemble s21.

A Consellaría quere garantir a accesibilidade a esta ampla oferta con entradas e abonos a prezos populares, polo que unha grande porcentaxe de concertos (o 90%) dos concertos do Vía Stellae son de entrada libre e o resto terán entradas e abonos a prezos populares.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia