Skip to main content

A Festa da Filloa de Lestedo declárase de Interés Turístico de Galicia

O Consello da Xunta declara, a instancias da Consellaría de Innovación e Industria, a celebración da Festa da Filloa, que ten lugar na parroquia de Lestedo, en Boqueixón, como festa de interese turístico de Galiza. A festa, que vai xa pola súa vixésimo cuarta edición, celébrase todos os anos o domingo seguinte do martes de Entroido.

Para faiar favorablemente a esta declaración como festa de interese turística, a Comisión de Valoración de Festa de Galicia de Interese Turístico, presidida pola Dirección xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, valorou características tales como a antigüidade e arraigo da festa, coa súa celebración nos últimos 24 anos cunhas cotas de participación que chegaron a superar os 15.000 participantes; a súa singularidade, posto que esta degustación gastronómica é unha das primeiras celebradas en Galiza, centrada nun produto exclusivamente galego. A peculiaridade da mesma está marcada polo seu labor de promoción e conservación da cultura, mediante a incorporación á mesma dos ‘altos’ e ‘atranques’ dos Xenerais e Correos do Entroido do Ulla, a promoción do folclore galego e unha selección de xogos tradicionais, así como a promoción da creatividade a través do xa tradicional concurso de carteis e da máquina filloeira, única na comunidade.

Outro elemento que se tivo en conta é o seu valor cultural por tratarse dunha festa que, ademais de exaltar este produto tan típico, foise convertendo co paso do tempo nun instrumento para a conservación e a posta en valor de diversas tradicións culturais da comarca do Ulla e de Galiza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia