Skip to main content

Pesca intervén en De Gusto 2008, enmarcado en MadridFusión

Discurso:

É para min un pracer darlles a máis cálida benvida a este acto, á vez que agradezo á organización a oportunidade que me brinda de poder dar a coñecer, compartir e, vanme a permitir, ata “presumir” dos produtos dunha das zonas máis representativas do litoral norte de Galicia: “A Costa da Morte”, á que os romanos definían como Fisterra, o final do mundo coñecido.

Esa mesma característica de distancia, de terra a bordo da inmensidade do mar, pendurada sobre o infinito, é a que domina o espírito dos galegos dispostos a saltar a bordo de calquera cousa que flote para facerse á mar para pescar, emigrar, coñecer e atrapar o sal e as brisas, os ventos e as correntes do océano.

Nun mercado altamente competitivo, como é o da transformación dos produtos do mar, onde as innovacións tecnolóxicas sucédense con enorme rapidez, os galegos e as galegas soubemos consolidar unha actividade que se destaca por terse convertido nun dos motores económicos da nosa Comunidade.

Con todo, á vez que alcanzamos ese desenvolvemento tecnolóxico, conservamos as nosas tradicións e os nosos produtos tal e como os nosos antepasados nos ensinaron.

E é precisamente no ámbito da calidade e a excelencia dos produtos da pesca e do marisqueo onde se enmarca esta acción. Hoxe quixemos traer ao seu padal o sabor destas terras: do seu mar, dos seus fondos, das súas rochas, ... e de todo o que constitúe a nosa alimentación, a nosa mesma razón de ser, de vivir, de sentir como o facemos. As nosas materias primas trenzan a nosa gastronomía e, polo tanto, a nosa forma de ser.

Finalmente, dicir que dende a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos temos claro que o apoio a iniciativas que axuden a mellorar a competitividade do sector ten que constituír un dos nosos obxectivos primordiais e, é por iso, que a Consellería vén impulsando e impulsará, durante os próximos anos, o desenvolvemento sostible desta actividade no litoral galego, aproveitando as súas potencialidades para xerar riqueza e emprego, preservando e mellorando a calidade ambiental das nosas costas como mellor garantía para a sustentabilidade das actividades económicas que teñen como substrato o litoral.

Grazas pola súa asistencia, espero que gocen con estes bocados tan nosos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia