Skip to main content

A Asociación xacobea de Cámaras outorga cinco bolsas a investigadores

A Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos presentou en rolda de prensa os galardoados con cinco becas e un premio de investigación para a realización de traballos orixinais e inéditos sobre temas de interese económico, turístico, medioambiental e social de importancia para as rutas polas que transcorren os camiños. No acto estiveron presentes o presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey; o secretario da Asociación, Ricardo Mirón; e o director xeral de Turismo, Rubén Lois; un representante de Caixanova, Gabriel González Eiroa; e José Antonio Paz en representación de Caixa Galicia. Estas dous entidades credenciales son patrocinadoras desta convocatoria xunto ao Banco Espirito Santo e a Cámara de Huesca.

O presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños, Jesús Asorey, sinalou “o éxito de convocatoria nesta primeira edición” e asegurou que estas becas e premio de investigación continuarán en sucesivos anos cunha maior promoción. Ademais, destacou a importancia que teñen estes traballos para o desenvolvemento dos camiños. Asorey resaltou o compromiso das Cámaras na promoción económica e cultural do Camiño e a función destas en “defender e potenciar ao seu empresariado”.

Nesta liña, o presidente da Asociación sinalou que entre todas as entidades “temos que ser capaces de dar dinamismo ás rutas xacobeas e estar comprometidos coa riqueza que temos tamén nos anos que non son xubilares”. Trala súa intervención fixo público o nome dos galardoados con cinco becas de investigación. Inicialmente convocáronse seis becas, unha por cada un dos camiños representados na Asociación: Camiño Francés, camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo e Ruta da Prata. A pertencente ao Camiño Inglés quedou deserta por non presentarse ningún traballo. As becas teñen unha dotación económica de 3.000 euros e os traballos deben entregarse antes do 15 de maio. A relación de galardoados son:

ÿ Camiño Francés: Alberto Gómez García, natural de Huesca.
ÿ Camiño Portugués: Luz Fernández Garrido, de Santiago de Compostela.
ÿ Camiño do Norte: Andrés Romero Trillo, natural de Fisterra.
ÿ Camiño Primitivo: Patricia Cupeiro López, de Ferrol.
ÿ Vía da Prata: José Manuel Pérez Pintor, de Cáceres.

En relación ao premio de investigación a premiada foi a carballesa María José Andrade por un traballo monográfico sobre o camiño fracés titulado Rutas Xacobeas. A dotación económica deste premio é de 4.500 euros.

O representante de Caixanova (patrocinadores do Camiño Primitivo), Gabriel González Eiroa agradeceu na súa intervención o traballo realizado pola Asociación e a importancia que ten para eles poder traballar nestes proxectos. Ademais, sinalou que a entidade “cre no poder socioeconómico do Camiño Xacobeo e confía en que estas axudas sirvan para apoiar outros camiños de entrada importante a Galicia”.

Pola súa parte, José Antonio Paz, representante de Caixa Galicia (patrocinadores do Camiño do Norte) destacou a “necesidade de pensar noutros camiños” e a función de dinamizador económico que ten o Camiño para as distintas comarcas polas que pasa. Tamén suliñou o compromiso desta entidade a respaldar este tipo de iniciativas.

Redes de intercambio económico

O director xeral de Turismo, Rubén Lois, destacou na súa intervención a importancia que ten a convocatoria destas becas e premio “polo que implica na promoción do Camiño de Santiago e de Galicia como destinos turísticos”. Ademais, sinalou o seu compromiso de seguir colaborando con “organismos tan representativos como son as Cámaras de Comercio”. Nesta liña, considera fundamental o traballo conxunto do sector público e privado para conseguir obxectivos comúns.

Rubén Lois afirmou que contar co respaldo das Cámaras de Comercio é “unha axuda moi importante para nós, posto que nos podemos dirixir a centos de persoas de España e Europa para presentar o Camiño”. O gran reto para este ano, no que continuará a colaboración entre os dous organismos, será dar paso á internacionalización a través das redes de Cámaras que existen por todo o mundo. Neste sentido, o director xeral de Turismo sinalou que hai cidades europeas con previsións económicas importantes para estes anos, como Alemaña, que deben ser obxectivo importante da economía galega.

En relación ao que supón a promoción dos Camiños Xacobeos estando ás portas do próximo Ano Santo, Rubén Lois afirmou que o “PIB da economía de Galicia crece de dous a tres puntos en Ano Santo”, o que reflicte a importancia que ten este acontecemento para o desenvolvemento económico galego.

Finalmente, sinalou o compromiso da Dirección Xeral de Turismo de “continuar traballando con todas as Cámaras de Comercio para promocionar os atractivos turísticos de Galicia e do Camiño de Santiago”.

Vía Láctea Comunicación