Skip to main content

Impulso á titulación de Dirección do Turismo

A Consellaría de Innovación e Industria colaborará coas Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo para a creación do programa de posgrao en Dirección e Planificación do Turismo. O Consello da Xunta da luz verde á firma do convenio de colaboración na que se recollen as contías económicas coas que a Consellaría participará neste proxecto, axudando así ao financiamento do seu desenvolvemento.

Mediante este convenio, que estará en vixencia ata o 2010, destinaranse, a través dos créditos orzamentarios da Dirección Xeral de Turismo, un total de 804.000 euros para as anualidades 2007-2010 , distribuídos en partes iguais entre as tres universidades e que servirán para financiar o 90,9% do Doutorado. Así, a Consellaría de Innovación e Industria investirá un total de 90.000 euros no 2007 e 238.000 nos tres seguintes anos.

Coa implantación deste novo posgrao nas universidades galegas, a Comunidade pasará a ser a pioneira en todo o estado en ofertar unha formación en turismo que impartirá materias de investigación e da súa metodoloxía co fin de preparar profesionais que sexan quen de ocupar os postos de responsabilidade nas empresas do sector turístico, que poidan integrarse nos departamentos de desenvolvemento das empresas turísticas e que poidan tomar parte en grupos de investigación para o avance do sector.

Con este convenio contribuiranse a apoiar as iniciativas conducentes á formación de profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de actividades, empresas e entidades turísticas, e a formación de expertos que orienten a súa carreira profesional ao ámbito da investigación en turismo, xa que este é un sector clave no desenvolvemento económico e social de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia