Skip to main content

Desenvólvese a tecnoloxía GPS no turismo rural galego

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, xa ten dispoñíbel unha nova ferramenta para o turismo rural. A través da súa páxina web, www.turgalicia.es, é posible descargar todas as coordenadas das casas de turismo rural de Galiza, para que desta maneira os navegadores instalados nos automóbiles poidan conducir aos turistas comodamente ata a mesma porta dos establecementos galegos de turismo rural.

Calquera persoa interesada en atopar unha casa de turismo rural poderá utilizar este novo servizo proporcionado por Turgalicia, co que non haberá perdas nin extravíos nas estradas galegas.

O novidoso sistema desenvolvido por Innovación e Industria permite que a descarga das coordenadas das casas de turismo rural se integre directamente nos distintos tipos de navegadores, como o Tom Tom, o Garmin, o Navman, o Oziexplorer e o Gpx, sen máis que seguir as instrucións que se publican na mesma páxina web.

Con este novo servizo, o turismo rural de Galiza faise aínda máis accesíbel, ao axudar a resolver as dificultades de sinalización turística no medio rural, onde a complexidade de pistas e estradas dificulta en ocasións atopar estes establecementos.

O servizo está dispoñible tanto para a descarga conxunta das coordenadas de todas as casas de Galiza, como as dunha soa provincia, un concello, unha única casa ou calquera das posibilidades que proporcionan o filtro de busca avanzado instalado na páxina da entidade pública de promoción turística de Galiza.

Con esta achega técnica, o turismo rural do noso país ponse en cabeza das tecnoloxías GPS aplicadas ao turismo, nunha aposta do departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco por utilizar as máis recentes técnicas para a promoción do turismo galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia