Skip to main content

Xornada internacional dos itinerarios europeos

Representantes de diversas delegacións europeas encargadas de xestionar e promover as diferentes rutas que comparten co Camiño de Santiago a distinción de Itinerario Cultural Europeo asistiron a unha xornada de encontro e intercambio de experiencias promovida pola Consellería de Innovación e Industria. Dentro dos actos de conmemoración do 20 aniversario do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, a Consellaría de Innovación e Industria a través do Xacobeo organizou este encontro no que se analizou a situación actual dos itinerarios e se puxo de manifesto a necesidade de desenvolver un traballo común de promoción e de organización conxunta.

O acto inaugural estivo presidido polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, e mais polo xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, que destacaron a implicación dos diferentes representantes nos actos conmemorativos desta semana e agradeceron a súa vontade de intercambiar experiencias. Francisco Singul, comisario da mostra sobre os itinerarios que estes días se pode ver no Obradoiro e xefe da área de exposicións do Xacobeo, fixo un repaso histórico por estes 20 anos do Camiño como Itinerario Cultural Europeo destacando os puntos en común da Ruta Xacobea co resto dos 24 itinerarios que existen até o momento.

Gerhard Spitz, secretario xeral da Ruta de Mozart, explicou que a rede europea de Mozart está baseada nas viaxes que fixo -3.000 días de viaxe en e mais de 200 cidades nos 35 anos da súa vida- e tamén nos documentos que pertenceron ao músico. Segundo explicou, malia que moitas destas asociacións que xestionan os itinerarios se autofinanzan ou se patrocinan, a Ruta de Mozart obtén fondos da Comisión Europea para levar adiante os seus proxectos. Un deles, que se está a executar neste momento é crear unha base de datos baseada na correspondencia de Mozart e nos lugares e persoas que cita, permitindo obter máis información sobre os mesmos a través de hipervínculos.

O representante da Asociación Vía Francíxena-Canterbury manifestou a súa intención de mellorar os contactos con Santiago de Compostela porque considera “de moito interese” a súa experiencia de xestión do Itinerario Cultural. Ademais doutros representantes dos 24 itinerarios culturais europeos, interveu tamén no congreso Ivanna della Portella, da Vía Francíxena, quen destacou que “os itinerarios permiten comprender que Europa se está construíndo a si mesma e nós querémola construír deste xeito”. Della Portella insistiu na necesidade de “construír unha Europa sen liñas divisorias”.

Os actos conmemorativos do 20 aniversario conclúen cunha xornada dedicada á mocidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia