Skip to main content

400 persoas participan no I Seminario Internacional de Turismo Rural

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou o I Seminario Internacional de Turismo Rural que se desenvolve entre os días 3 e 5 de outubro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Santiago de Compostela. Nesta xuntanza están inscritas arredor de 400 persoas de distintas nacionalidades que, baixo o epígrafe Realidade e perspectivas nos espazos rurais, contará con relatores de varios países europeos e americanos.

No acto de inauguración, o titular de Innovación e Industria referiuse ao turismo rural como un segmento imprescindible na oferta turística galega, “un modelo de turismo que, coa planificación correcta e a racionalización do emprego dos nosos recursos naturais e patrimoniais, contribúe á mellora económica e á creación de riqueza nas zonas con menores posibilidades de desenvolvemento”.

Produto consolidado

Para Fernando Blanco, a importancia do turismo rural transcende os seus propios resultados económicos, converténdose nunha estratexia de revitalización dos territorios rurais, “fomentando a fixación da poboación en áreas en perigo de despoboamento e poñendo en valor un senlleiro patrimonio arquitectónico”.

Desde o punto de vista estritamente turístico, o conselleiro manifestou que o produto turismo rural de Galiza “é un dos máis consolidados do noso panorama” e conta con gran reputación entre os clientes habituais do mesmo. No seu relatorio, Blanco lembrou que a día de hoxe existen 541 establecementos, que ofrecen 6.440 prazas e engadiu que, canto a cantidade e calidade, a oferta galega destaca dentro do panorama do Estado.

Oferta complementaria

O conselleiro de Innovación e Industria referiuse tamén na súa intervención á necesidade de “afondar na prestación de servizos complementarios e na diversificación da oferta” , co obxecto de atender todos os segmentos da demanda e, deste xeito, “conseguir o dobre obxectivo de optimizar o noso potencial turístico no eido rural e dinamizar en todo o posible a actividade no noso campo”.

Neste sentido, Blanco recordou que por primeira vez a Consellaría implantou este ano axudas a empresas turísticas para fomentar o turismo no medio rural, centradas nas actividades complementarias, como sinalizacón de rutas, campamentos de verán, actividades hípicas ou deportes náuticos, fluviais ou de aventura. O importe total destas axudas para 2007 e 2008 aproxímase aos 5 millóns de euros, segundo informou o titular nacionalista.

Alén disto, Fernando Blanco explicou as accións que ten posto en marcha a Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo e Turgalicia co “obxecto de imprimirlle ao noso turismo rural un novo pulo”, accións que abranguen tanto o ámbito normativo coma o da promoción. Así, o conselleiro salientou o anteproxecto de lei de turismo de Galiza que “dará resposta á necesidade de establecer un marco normativo flexible e áxil que dote dun contorno competitivo ao sector e favoreza a actividade empresarial e a creación de emprego”.

Polo que respecta á promoción, Fernando Blanco lembrou as accións que vén levando a cabo Turgalicia en colaboración co sector para abrir novas canles de comercialización e difusión dos valores do turismo rural, como o programa “Outono gastronómico”, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro co fin de potenciar a restauración e o aloxamento nos establecementos de turismo galegos.

Internacionalización

O I Seminario Internacional de Turismo Rural ten un dobre obxectivo: por un lado, a proxección do Turismo Rural galego cara ao exterior e, por outro, o achegamento á realidade das perspectivas do turismo nos espazos rurais do mundo.

Así, a participación de relatores procedentes de lugares tan distintos como Polonia, Colombia, Costa Rica, Brasil, Arxentina ou Uruguai, permitirá contrastar a experiencia galega do turismo rural cos modelos emerxentes ou máis ou menos consolidados deste subsector turístico en países moi heteroxéneos.

Ao longo de tres xornadas, os asistentes ao I Seminario Internacional de Turismo Rural poderán coñecer experiencias de desenvolvemento de actividades de agro-ecoturismo nas provincias do sur de Colombia e agricultura familiar en Uruguai, así como a organización de rutas de turismo rural na rexión de Curitiva (Brasil) ou a situación actual e as perspectivas de Costa Rica; xunto a experiencias de Polonia e outras nacións europeas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia