Skip to main content

Máis de 30.000 persoas visitaron o stand de Galicia na Feira Internacional de Guadalaxara (México)

Máis de 30.000 persoas visitaron o recinto de exposición que a Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, instalou na Feira Internacional da Gastronomía de Guadalaxara-México (FIG) coa intención de promover o turismo galego en xeral e a gastronomía en particular, nun mercado de 6.000.000 de persoas.

Nesta feira, o turismo e a gastronomía de Galiza, déronse a coñecer de xeito preferente, nun recinto no que o noso país contou cunha presenza de excepción ao ser o territorio convidado pola organización. Galiza ocupou un terzo da superficie total da feira para a súa promoción de xeito que a súa presenza foi a máis salientable neste evento.

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, liderou a representación galega, que incluíu a participación do Centro Superior de Hostalería de Galicia, os cociñeiros Jorge García, do restaurante Mesón Alberto de Lugo; Domingo González, do Hotel Balnerario de Lobios-Caldaria (Ourense), e Francisco Domínguez, da Escola de Hostalaría de Ourense, o grupo de música tradicional galega Brincadeira, de Santiago de Compostela e distintos expositores de produtos gastronómicos, que participaron da man da Fundación de feiras e exposicións Expourense.

O espazo de promoción de Galiza na FIG acolleu distintas actividades, entre as que destacou o servizo de restaurante con capacidade para 300 persoas no que ao longo de toda a xornada se serviron menús galegos elaborados polo Centro Superior de Hostalería de Galiza (CSHG), centro docente dependente de Turgalicia. Deste xeito, o CSHG despachou máis de 3.000 menús ao longo dos cinco días de feira, ao longo dos que houbo importantes colas para acceder ao restaurante galego, que nalgúns momentos se viu desbordado pola gran demanda de comensais.

As persoas que se achegaron ao restaurante galego na FIG puideron optar por dous menús, nos que se incluína polbo, vieira, peixe, tenreira galega, filloas e torta de Santiago; ademais dunha ampla carta de viños galegos.

Por outra parte, dentro das actividades de promoción da gastronomía e a cociña galegas nesta feira internacional mexicana, o CSHG levou a cabo distintas accións relacionadas coa formación profesional e o asesoramento hostaleiro, dentro da liña docente deste centro formativo galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia