Skip to main content

O Xacobeo promove unha mostra fotográfica sobre o Camiño en Palencia

O Real Mosteiro de San Zoilo, na vila palentina de Carrión de los Condes, acolle ata o día 2 de outubro a exposición Peregrinos de Occidente que organiza a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A mostra permanecerá aberta todos os días en horario de 10.30 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas. Os palentinos e máis todos aqueles turistas e peregrinos que a visiten poderán gozar de magníficas instantáneas do Camiño de Santiago.

A principal finalidade deste proxecto expositivo é destacar a importancia e multiplicidade de perspectivas desde as que se poden captar os valores sociais, culturais, espirituais e naturais da ruta xacobea ao seu paso por terras galegas a través do obxectivo de cinco recoñecidos autores: Tono Arias, Juan Rodríguez, Tino Martínez, Vari Caramés e Xurxo Lobato.

Tono Arias condúcenos polas formas e culto e a cultura xacobeos amosándonos as paisaxes que percorren un Camiño de soidades e, á vez, de encontro e sentimentos; nese camiño, o esforzo e o gozo conviven nese afán por acadar a meta, Compostela, para superar o Pórtico da Gloria, como penúltimo paso antes de ser recibidos por Santiago o Maior.

O percorrido de Juan Rodríguez comeza na costa inglesa e chega por mar a dous dos máis importantes enclaves da costa de Galicia: A Coruña e Ferrol. Dende aí parten as dúas posibles alternativas do chamado Camiño Inglés, a ruta proposta discorre por dous lugares nos que as referencias ao mundo anglosaxón se fan máis evidentes, xa sexa a través de devocións ou de pezas chegadas dende aquelas terras.

Tino Martínez e Vari Caramés retratan con gran perfección a meta compostelana, pero con visións moi diferentes. O primeiro deles mostra unha cidade solitaria na que a pedra dos seus monumentos urbanos se alía coa noite para plasmar unhas rúas envoltas nun sobrecolledor silencio. Para Vari, trátase dunha cidade en branco e negro, dinamizada polas luces e as sombras, e polo ir e vir das súas xentes.

E máis aló de Compostela, Xurxo Lobato condúcenos polos sendeiros que levan ata a Costa da Morte, reflictindo a contraposición entre a forza dunha natureza desatada e a pegada que sobre ela deixan as actuacións humanas. É o camiño que conduce ao lugar no que, durante séculos, a Terra se acaba para dar paso a un mar infinito.

Peregrinos de Occidente é unha mostra itinerante que ten por obxecto levar as imaxes do Camiño de Santiago polo resto da península. A próxima sede na que se poderá visitar esta mostra procedente de Burgos situarase en Jaca, na provincia de Huesca.











Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia