Skip to main content

Galicia e Kyoto estreitan lazos para a promoción turística das cidades e monumentos Patrimonio da Humanidade

A colaboración en materia de promoción turística centrou o encontro de traballo que o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, celebrou hoxe en Kyoto con autoridades institucionais desta cidade declarada Patrimonio da Humanidade. O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguíbar, foi recibido polo director da Casa da Comunidade Internacional de Kyoto e secretario xeral da Liga de Cidades Históricas do Mundo, Hisakazu Takagi.

Segundo destacou o propio Fernando Blanco, nesta xuntanza acordouse a celebración dun certame gastronómico para presentar a cociña galega, o vindeiro ano en Kyoto, ao tempo que a Consellaría de Innovación e Industria leva a esta cidade a exposición sobre o Camiño de Santiago. Segundo sinalou o conselleiro, a cociña galega “está a sorprender de maneira moi satisfactoria aos xaponeses”.

Por outra banda, o titular nacionalista avanzou que se está planificando tamén a celebración dun congreso extraordinario en outubro do ano próximo en Lugo, cidade que conta coa muralla romana, monumento declarado tamén Patrimonio da Humanidade. Este congreso, no que se abordará o desenvolvemento turístico das cidades patrimoniais e monumentais dende o punto de vista da sustentabilidade e a problemática asociada, vincularía Galiza con Xapón e posibilitaría que a maiores de coñecer a cidade de Santiago e os seus camiños, os xaponeses teñan a posibilidade de coñecer o resto de Galiza e, sobre todo, algunhas zonas que tamén contan cun importante patrimonio histórico.

A xuntanza permitiu achegar e compartir información e métodos de traballo sobre a promoción turística dos territorios que contan con cidades e bens Patrimonio da Humanidade, como son, amais da propia cidade de Kyoto e o Camiño de Kumano xaponés, a cidade de Santiago de Compostela e mais o Camiño de Santiago. Tanto Santiago coma Kyoto forman parte da Liga de Cidades Históricas do Mundo, organismo internacional no que Hisakazu Takagi ocupa o cargo de secretario xeral.

Casa da Comunidade Internacional de Kyoto

Instituída en 1989, a Casa da Comunidade Internacional de Kyoto (Kyoto International Community House) na que foi recibida a delegación galega é un espazo para o establecemento de canles de comunicación entre a urbe xaponesa e outras cidades, países e culturas. Este espazo, xestionado pola Fundación Internacional da Cidade de Kyoto, é un referente na promoción de relacións interculturais e exemplo práctico do liderado que exerce esta cidade no que se refire á apertura ao exterior do conxunto do país nipón.

Liga de Cidades Históricas do Mundo

Pola súa banda, a Liga de Cidades Históricas do Mundo (League of World Historical Cities), fundada en 1994, é un organismo internacional colaborador da Organización de Cidades Patrimonio da Humanidade da Unesco (Organization of World Heritage Cities), que agrupa a 71 cidades históricas de 50 países de todo o mundo.

Un dos obxectivos desta organización é o de promover a cooperación e os lazos de diálogo entre as cidades membro, co fin de favorecer un desenvolvemento sustentábel e crear novas perspectivas de futuro para as cidades Patrimonio da Humanidade e os seus territorios. Neste obxectivo de colaboración insírese a reunión do conselleiro de Innovación e Industria co secretario xeral da Liga de Cidades Históricas, que permitiu compartir experiencias no eido da promoción turística, da conservación do patrimonio histórico e natural e, en definitiva, abrir novas perspectivas de crecemento socioeconómico para Galiza baseadas no desenvolvemento sustentábel e na colaboración internacional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia