Skip to main content

A Xunta prevé triplicar en 2010 o número de turistas xaponeses que visiten Galicia

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguíbar, presentaron en Toquio dúas publicación pioneiras sobre Galiza como destino turístico, editadas en xaponés e destinadas especificamente a dar a coñecer o noso país no Xapón, o “terceiro mercado emisor mundial”, segundo dixo o titular nacionalista. O conselleiro explicou que un obxectivo desexábel de cara ao próximo Xacobeo (2010) sería o de triplicar o número de viaxeiros xaponeses no país galego.

Durante a presentación destas “obras singulares”, o conselleiro de Innovación e Industria sinalou que o mercado turístico xaponés ten grandes posibilidades de crecemento en Galiza, e disto é proba que o número de viaxeiros chegados ao noso país se duplicou dende o ano 2000, cando nos visitaran algo máis de 6.000 xaponeses. Fernando Blanco informou de que número de pernoitas tamén se incrementou substancialmente nos últimos anos, segundo as estatísticas de turismo do Instituto Nacional de Estatística, pasando dunhas 9.000 en 2001 ás 19.500 do ano 2005, ano no que se superaron incluso as pernoitas de 2004, Ano Santo.

O conselleiro salientou o esforzo promocional da Consellaría de Innovación e Industria por colocar Galiza como marca preferente no mercado turístico xaponés, e unha das razóns que a Consellaría empregará para atraer este mercado é o de “Galiza como país seguro e tranquilo”, xa que a garantía da seguridade é un dos valores máis estimados polos xaponeses, indicou Blanco.

Ademais, Innovación e Industria seguirá a fomentar as relacións co país nipón non só no ambito turístico, senón que tamén no económico. Así, o conselleiro anunciou que o vindeiro foro España-Xapón se desenvolverá en Santiago de Compostela o vindeiro outono logo das xestións efectuadas polo seu departamento. Fernando Blanco afirmou que o actual peso das exportacións galegas ao Xapón xa é moi importante, acadando o 80% do total das exportacións do Estado español ao país oriental.

Publicacións editadas en xaponés

Os libros Galiza. Espiritualidade verde sobre o Atlántico, e As Peregrinacións a Santiago de Compostela. Viaxe ao país do sol poñente, editados pola Consellaría de Innovación e Industria, distribuiranse na Feira Internacional de Turismo do Xapón, que se desenvolverá en Toquio entre o 13 e o 15 de setembro, amais de seren entregadas ás autoridades xaponesas que están a recibir ao conselleiro de Innovación e Industria ao longo da visita e aos touroperadores do país máis representativos. Os libros serán tamén difundidos a través das oficinas de turismo do Estado español no Xapón. Ambas as publicacións, con textos de Santiago Jaureguízar, Cristóbal Ramírez e Francisco Singul, combinan tanto a información turística de maior interese como achegas históricas e culturais definitorias do noso país, con ilustracións de calidade e beleza exquisitas.

Presentación da oferta turística galega e Cea galega

Tamén na xornada de hoxe o conselleiro de Innovación e Industria e o director xeral de Turismo presentaron a oferta turística galega aos principais touroperadores xaponeses e prensa especializada do país. Asistiron a esta presentación, entre outros, xornalistas das publicacións Gourmet Journal, Cuisine Magazine e Eclat, do periódico Nikkey e representantes de axencias como Travel Plan Internacional ou Weekly Wing Travel, que logo da reunión participaron na Cea Galega ofrecida no prestixioso restaurante de Toquio Ogasawara Tei.

Esta cea, preparada polos chefs galegos Toñi Vicente, Marcelo Tejedor, Roberto Crespo e Carlos García, contou coa presenza duns 80 convidados entre os que se atopaban autoridades xaponesas e representantes do sector empresarial do país nipón e especiamente do sector turístico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia