Skip to main content

O potencial galego como destino náutico, na Regata Solitaire Afflelou

Unha delegación galega presidida polo director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois, xunto co delegado deste Departamento en A Coruña, Xosé Luís Barcia, participou en Brest (costa de Bretaña) nos actos de celebración da chegada da segunda etapa da regata “Solitaire Afflelou Le Figaro”, unha das probas de navegantes en solitario máis importantes do calendario internacional de vela, que fará escala na cidade de A Coruña o vindeiro día 16 deste mes de agosto.

Esta regata, que partiu da localidade francesa de Caen o 29 de xullo, desenvólvese dende 1970 no Atlántico entre Francia, a Península Ibérica e as Illas Británicas, e actualmente está organizada polo xornal Le Figaro. A proba consta de catro etapas –rematará en Les Sables d’Olonne (Francia), o día 22 de agosto– despois de pasar por Crosshaven (Irlanda), Brest (Bretaña) e A Coruña.

A Consellería de Innovación e Industria apoia a organización deste evento, e a súa implicación no proxecto fixo posible precisamente a escala na cidade Herculina, que representa unha grande oportunidade cara á promoción turística de A Coruña e de Galiza en xeral, como destino náutico atlántico. A regata é un acontecemento cunha importante repercusión nos medios de comunicación, especialmente en Francia. O xornal Le Figaro, un dos máis importantes do país galo, dedica amplos espazos á cobertura da proba, que tamén acada eco en radio, televisión, internet e outros medios impresos, con referencias a cada unha das escalas, entre elas, este ano, A Coruña. A cidade galega vaise beneficiar tamén do positivo impacto da chegada da regata na hostalería e a restauración, xa que só na súa organización traballan preto dun cento de persoas.

Galiza como destino turístico está presente, ademais, no Festival Intercéltico de Lorient, cita de referencia do verán musical atlántico. Un stand de Turgalicia promociona o noso país nesta cidade, ateigada de visitantes con motivo deste importante encontro de música tradicional.

O Director xeral de Turismo visitou o espazo galego dentro do Festival, e está a manter encontros institucionais con autoridades bretonas, entre elas o propio alcalde de Lorient e a responsable de Turismo do Goberno bretón.

A delegación galega en Bretaña está integrada tamén por representantes das cámaras de comercio galegas –entre eles o presidente do Consello Galego de Cámaras, Francisco Cruz–, que están a establecer contactos cos seus homólogos bretóns, cara ao reforzo das relacións empresariais e comerciais entre ambos territorios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia