Skip to main content

Editada unha guía informativa de acontecementos para o lecer e un directorio turístico de Galicia

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois, e o director-xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, presentaron en Santiago dúas novas publicacións informativas turísticas que inclúen os principais acontecementos lúdicos previstos para o verán nos concellos galegos e unha relación dos principais servizos turísticos do territorio galego.

A publicación “Verán de lecer”, da que se tiraron 3.000 exemplares para a súa distribución en oficinas de Turismo e outros centros informativos, inclúe toda a información facilitada polos 315 concellos de Galiza relativa aos acontecementos estivais relacionados co lecer.

Así, nesta guía turística pódese atopar información sobre festas, mostras, romarías, concertos, competicións, encontros, xogos e calquera outra manifestación lúdica e cultural. A información desta publicación agrúpase segundo o concello onde ten lugar o evento, especificando a data. Ademais, a guía aporta os contactos de cada concello e salienta as festas de interese turístico.

Como anexo, esta publicación incorpora enderezos e teléfonos das oficinas de Turismo e un mapa coa localización das festas de interese turístico. Os datos desta guía están dispoñibles en internet, na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Directorio turístico

Por outra parte, presentouse a publicación Directorio Turístico, que inclúe unha relación dos principais servizos turísticos de Galiza -empresas e actividade turísticas, e restauración e profesións relacionadas co Turismo-.

Esta publicación foi coordenada pola Subdirección Xeral de Ordenación do Turismo, con información útil –enderezo, teléfono e categoría- sobre os servizos turísticos de Galiza. A información desta guía ofrécese tanto en papel como en soporte dixital, a través dun CD- rom.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia