Skip to main content

Innovación e Industria presenta dúas monografías sobre o sector turístico

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois González, presidiu no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela a presentación de dúas monografías sobre o sector turístico galego. María Elisa Alén e Marion Sparrer escribiron sendas obras co obxectivo de aportar unha visión completa e detallada de aspectos puntuais do sector turístico de Galiza.

Alén ven de estudar na súa publicación a calidade do servizo en establecementos termais de Galicia. María Elisa Alén González é profesora da área de Comercialización e Investigación de Mercados na Universidade de Vigo. Foi coordinadora do Máster en Organización e Dirección Turística durante seis anos. Ten presentado comunicacións a congresos nacionais e internacionais sobre turismo de saúde, sendo esta a súa principal liña de investigación. Segundo explica Alén, as actividades relacionadas co sector turístico son actualmente un factor determinante para a xeración de emprego e contribúen a mellorar o balance económico no eido internacional. Alén estudou, xa que logo, a importancia do sector turístico no turismo en xeral e na economía nacional e explica na súa monografía a introducción da calidade de servizo como estratexia de mercado e como elemento diferenciador.

A investigación sobre o turismo rural

Coa súa obra, a profesora Alén pretende contribuír á formación dos profesionais e dos estudosos interesados na calidade de servizo de cara a conseguir melloras visibles nos establecementos. Do mesmo xeito, a investigación servirá para facer unha radiografía do sector na actualidade e como ferramenta de futuros estudos sobre o tema.

Doutra parte, a doutora alemana Marion Sparrer ven de investigar o turismo no espazo rural tanto no Estado como en Alemaña. Sparrer é licenciada en Xeografía pola Georg-August-Universidade de Göttingen e dende o ano 99 exerce como profesora da Escola Universitaria de Turismo da Coruña. Na súa monografía que hoxe se presentou aborda o turismo rural como fórmula de dinamización das economías locais e rexionais e como solución á crise que afecta ao medio rural dende hai décadas.

No estudo, Sparrer intenta descubrir se o turismo rural se produce como un fenómeno integrador da poboación na que se inserta ou como un fenómeno illado que utiliza o rural como espazo de implantación. A doutora analiza tamén a repercusión no espazo rural do turismo que se desenvolve nel. Para levar adiante este estudo, Marion Sparrer establece unha comparativa entre o turismo rural na provincia da Coruña e o agroturismo no Landkreis Wittmund de Frisia do Este.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia