Luxemburgo acolle ata o 15 de xullo unha exposición sobre o Camiño de Santiago e a Peregrinación na Idade Media

Despois de percorrer varias cidades españolas, a mostra, subtitulada ‘A peregrinación a Santiago na Idade Media’ chega a Luxemburgo para amosar este percorrido pola historia, a tradición, a cultura e a vida cotiá dos homes e mulleres que ao longo dos séculos fixeron do Camiño a Compostela unha das vías principais de intercambio de produtos, costumes e correntes artísticas e culturais.
A exposición
O proxecto expositivo inaugurado polas autoridades locais e mais polo Secretario Xeral da Fundación ‘La Caixa’, Lluís Reverter, acompañados do responsable de turismo da Xunta de Galicia e mais do xerente do Xacobeo combina diversas linguaxes expositivas. Ademais da reprodución de códices, mapas e obxectos arqueolóxicos, o visitante atopa reconstrucións rigorosas de ambientes medievais, nos que os diferentes elementos se combinan para ilustrar a vida nas etapas do Camiño. Unha selección de textos históricos, relixiosos e literarios, a ambientación musical e os efectos olfactivos contribúen a introducir ao espectador no contexto. A exposición fai reflexionar ao visitante sobre os motivos que deron lugar á orixe das peregrinacións a Compostela e sobre os factores que contribuíron á súa consolidación malia as dificultades e complicacións que implicaba peregrinar na Idade Media.
‘Europa foi Camiño’ exhíbese por vez primeira fóra da Península Ibérica e viaxa ata Luxemburgo para conmemorar a distinción á cidade de Capital Europea da Cultura 2007. Tras o acto de inauguración oficial tivo lugar un percorrido pola mostra e posteriormente a basílica de Echternach acolleu un concerto da Capella Reial de Catalunya dirixida por Jordi Savall.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia