Skip to main content

Innovación e Industria colabora cos empresarios de hostelería na promoción turística

A Consellaría de Innovación e Industria destinará 162.000 euros ao financiamento de diversas accións de promoción turística que se van desenvolver no marco dun convenio de colaboración que o departamento autonómico subscribirá coa Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (CEHOSGA).

O orzamento total previsto para o proxecto de actuacións ascende a 270.000 euros e nel inclúese a edición de oito números da publicación “Hostelería-Cehosga” (cunha tirada por número de 20.000 exemplares que serán distribuídos por toda Galiza e a sectores relacionados co gremio no conxunto do Estado), e a organización da “Gala de Hostalería”, onde se premia aos profesionais do sector polos seus méritos durante a súa traxectoria.

De igual xeito, en virtude do convenio que autorizará o Consello da Xunta o próximo xoves, dotarase de medios persoais ao punto de información turística situado no local social de CEHOSGA, na compostelana rúa San Lázaro, no Camiño Francés, e procederase á instalación e mantemento de vallas publicitarias da campaña “Visitar Galicia” en Valença do Miño (Portugal), Benavente (Zamora) e Ávila. Por último, o acordo entre Consellaría e CEHOSGA posibilitará a publicación dunha guía de información turística en inglés (20.000 exemplares), francés (15.000 exemplares) e alemán (10.000 exemplares).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia