Sae á luz o primeiro número da revista bimensual Xacobeo Noticias
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xacobeo_logo_nuevo.jpg)
Xacobeo Noticias terá unha periodicidade bimensual e o primeiro dos seus números sae á rúa en abril. Os contidos da revista serán, fundamentalmente, de tres tipos: noticias, reportaxes e entrevistas, e seccións fixas sobre o patrimonio dos Camiños, as publicacións, os personaxes e momentos históricos da cultura xacobea, o arquivo xacobeo, etc. Xacobeo Noticias contén información de ámbito internacional, referente ás actividades que o Xacobeo organiza no exterior; de publicacións e coleccións editadas por esta entidade; de actividades artísticas e programacións culturais que se organizan arredor do Camiño de Santiago; etc. A revista inclúe tamén artigos de opinión e mais unha selección de traduccións en inglés, francés, portugués, italiano e alemán. Toda a revista é bilingüe e contén unha axenda cos actos organizados polo Xacobeo no período de actualidade da publicación periódica.
A intención do Xacobeo con esta iniciativa pasa por abrir estes contidos non só ao ámbito galego. O Camiño é un patrimonio mundial, tanto a nivel territorial como cultural, e Xacobeo Noticias terá moi presente esta realidade. Esta vocación de proxección cara ao exterior en todos os sentidos reflíctese non só nos contidos, senón tamén no feito de que a revista se editará sempre en galego e en español, pero tamén terán presenza en páxinas específicas outros idiomas.
O número de exemplares de cada edición será de 3.000 e a súa adquisición será gratuíta. Poderanse recoller os exemplares nas oficinas de información do Xacobeo en Galiza e nos albergues galegos do Camiño e na sede da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en San Lázaro. O acceso ao público completarase cunha ampla distribución por correo postal. Por este medio distribuirase aproximadamente a metade da edición, deste xeito chegará a publicación a todos os alcaldes, concelleiros responsables de turismo e cultura dos Concellos galegos, ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago no mundo, ás oficinas de turismo da Xunta e ás municipais situadas a carón do Camiño, ás oficinas de Turespaña en países e zonas de interese, a estudosos e empresas vinculadas coa cultura xacobea, ás universidades e centros de estudo internacionais, ás bibliotecas e hemerotecas especializadas, etc.
Este primeiro número de Xacobeo Noticias presenta unha notable presenza institucional que non se repetirá nos vindeiros números, sen embargo, neste primeiro ten por obxecto explicar as funcións da publicación aos lectores e a política xeral do Xacobeo nesta materia. A maquetación, redacción, impresión e distribución de Xacobeo Noticias adxudicouse por concurso público, polo período dun ano, á empresa galega Equinocio, con sede na cidade da Coruña.
No vindeiro número a revista dedicará unhas páxinas especiais á programación cultural e escénica do Xacobeo para este ano centrada na programación sobre todo da época estival e nos programas Via Stellae, Vai de Camiño e Artes no Camiño.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia