Skip to main content

A ocupación hoteleira na Semana Santa medrou un 5% respecto ao ano anterior

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou en Santiago o incremento de visitantes a Galiza durante a pasada Semana Santa en relación á de 2006, durante a presentación dos datos de movemento turístico referidos a estas datas, un acto no que tamén participou o director xeral de Turismo, Rubén Lois González.

Fernando Blanco explicou que as previsións iniciais de afluencia víronse superadas, acadando un total estimado de 332.422 pernoitas durante toda a semana do 2 ao 8 de abril, e cunha ocupación hoteleira media no país que se situou entre o 86% e o 90%, segundo os datos da propia Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria e as asociacións de hostalería.

Rendibilidade promocional

O conselleiro engadiu que estes bos resultados amosan a rendibilidade das accións promocionais que se veñen realizando, dun xeito planificado no último ano e medio por parte do Goberno Galego. Así mesmo, destacou o pulo que están a acadar os destinos atlánticos no contexto do sur de Europa e a posición de liderado de Galiza no ámbito do noroeste peninsular, superando a destinos veciños como Asturias, Cantabria ou o País Vasco.

Ademais, o titular de Innovación e Industria afirmou que con estes datos púxose de manifesto que o feito de terse celebrado a Semana Santa a primeiros de abril favorece un maior movemento turístico que si coincide a finais de marzo, dadas as mellores posibilidades en canto á renda familiar dispoñible, sen restar importancia á influencia que tivo este ano a boa climatoloxía.

Hoteis

En canto aos hoteis, os datos que obtivo a Consellaría de Innovación e Industria a partir das enquisas elaboradas polos seus servizos provinciais, indican que a ocupación media en Galiza situouse nos días festivos nun 86,22%, cifra mesmo inferior á facilitada pola Confederación de Empresarios de Hostelería de Galiza (CEHOSGA), que foi do 89,9%. En relación coa Semana Santa de 2006, o incremento do grao de ocupación é notable, xa que oscilaría entre un 9,3% (segundo a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría) e un 5% (segundo CEHOSGA).

En canto aos principais destinos dentro de Galiza, constatouse que entre o xoves e o sábado moitos establecementos de zonas de especial incidencia turística ou con celebracións de Semana Santa declaradas de interese turístico –caso das Rías Baixas (en particular Sanxenxo, O Grove, O Val Miñor, Vigo), Ferrol ou Viveiro– colocaron o cartel de “completo”. Por outra parte, os balnearios galegos acadaron unha media do 85% de ocupación, e o propio sector destacou a influencia do spot televisivo da Consellaría de Innovación e Industria sobre turismo termal, que estes días animou aos turistas a escoller os balnearios como aloxamento e/ou como destino de descanso e saúde.

Turismo rural

Os establecementos de turismo rural do país acadaron un nivel de ocupación que o propio sector cifrou en torno ao 90%, nos días festivos, mentres que os cámpings galegos rexistraron un nivel do 70% nas instalacións fixas (bungalows e similares) nas mesmas datas. A chegada de campistas foi especialmente intensa nos establecementos do sur de Galiza, sobre todo nas Rías Baixas entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua.

Albergues de peregrinos

Na Semana Santa de 2007 estímase que se rexistraron no Camiño Francés un total de 5.289 pernoitas nos albergues dependentes da Consellaría de Innovación e Industria, tendo en conta que estas instalacións estiveron practicamente ao cen por cen da súa capacidade durante os días festivos.

Despois do Camiño Francés, a ruta que máis peregrinos percorreron durante a Semana Santa foi a ruta de Fisterra-Muxía, que acadou tamén o 100% de ocupación. O seguinte Camiño con máis pernoitas foi o Portugués, que acadou un 80% de ocupación nos seus albergues. A continuación ven a Vía da Prata ou Camiño do Sueste cun 70% de ocupación nos albergues de peregrinos cos que conta, e o Camiño Inglés, que acadou o 60% de camas ocupadas nos albergues. Os Camiños Primitivo e Norte tiveron un 50% de ocupación nesta Semana Santa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia