Skip to main content

Presentado o programa Artes no Camiño organizado polo Xacobeo

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar e mais o director artístico do proxecto Artes no Camiño, Pablo Mielgo, presentaron en Lugo o Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago que patrocina a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Do 23 de xullo ao 24 de agosto de 2007 unha ducia de vilas e cidades lucenses polas que discorren as rutas de peregrinación cara Compostela serán a sede de diversos encontros artísticos, cursos, festivais e actividades sociais. Lugo, Samos, Sarria, Vilalba, Mondoñedo, Foz, Triacastela, Pedrafita, Lourenzá, Portomarín, Paradela e A Fonsagrada acollerán as actividades culturais organizadas por Artes no Camiño.

As actividades que se inclúen neste programa presentado divídense en catro grandes áreas: Cursos, Festival das Artes, Actividade Social e Festival da Mocidade. Na área de Cursos os alumnos inscritos poderán afondar no coñecemento do Canto Gregoriano da man de J.C. Asensio; da luthería a cargo de Antonio Franco e Germán Arias; da orquestra da man de David Quiggle, do violín e da viola a cargo de Elsa Ferrer; do violonchelo da man de Carlos G.Amigo; Alfonso Morán instruirá sobre o contrabaixo e Charo Pita sobre a arte de contar contos. Juan Moredo impartirá o obradoiro de danza e Fernando Dacosta o de Teatro. Imelda Ferrer e Chus Mondelo encargaranse das artes plásticas.

Todas as actividades son gratuítas

No Festival das Artes, que será gratuíto para todos aqueles que desexen asistir aos concertos e espectáculos que se programan durante todo o mes nas devanditas vilas, escoitaranse voces coma a das sopranos Bárbara Hendricks ou Gemma Bertagnolli ou os poemas de Lino Braxe ou Antón Fortes. Agrupacións como Sarabela Teatro, Disque Danza ou a Capela Compostelana son algúns dos reclamos do encontro internacional. No Festival da Mocidade participarán, entre outras, a Nova Orquestra Galega das Artes, No Camiño Teatro Novo, Academia bandArt ou o Trío Morelia. Anade e Nadia Adame centralizarán a actividade social.

A iniciativa deste Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago está patrocinada integramente pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e conta coa colaboración dos Concellos nos que se celebran os diferentes eventos. O custo total de Artes no Camiño achégase aos 300.000 euros. A dirección artística do proxecto corre a cargo de Canco López e Pablo Mielgo e a dirección técnica é un traballo de Elsa Ferrer. Serxio Pazos está á fronte da coordinación de teatro e J.Carlos Zahera coordina a danza. Vicente Galaso é o director da Área Social.

Preto de 450 persoas traballan nesta iniciativa para que a programación cultural estival das diferentes vilas da provincia de Lugo se vexa incrementada. A primeira sede do encontro será a cidade de Lugo. A igrexa de San Pedro acolle o sábado 7 de abril ás 19.00 horas un concerto-acto de presentación a cargo da Orquestra Pressjovem e do coro de Ars Combinatoria que intepretarán a Sinfonía concertante K297b e o Réquiem K626 de W.A. Mozart. A entrada a este concerto dirixido por Pablo Mielgo é de balde.

Todos os interesados en asistir aos espectáculos e concertos e en participar nos diferentes talleres poderán obter información en www.xacobeo.es e mais na páxina de Artes no Camiño: www.artesnocamiño.com.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia