Skip to main content

Turgalicia promocionará Terneira Galega entre o sector turístico español

O director-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Xesús Pereira, e o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, asinaron en Santiago un acordo de colaboración polo que Turgalicia divulgará entre os representantes do sector turístico estatal os produtos acollidos a esta denominación de orixe.

A promoción destes produtos galegos levarase a cabo a través das presentacións da oferta turística galega que Turgalicia realizará ao longo do ano 2007 –entre febreiro e maio– nas cidades de San Sebastián, Pamplona, Málaga, Granada, Lleida, Girona, Toledo e Alcalá de Henares; e nas que participarán os empresarios turísticos destas cidades, as autoridades de Turismo e os medios de comunicación.

Así, os produtos de Ternera Gallega estarán presentes nos menús que se presentan no buffet que Turgalicia ofrece aos participantes nas presentacións.

Asociacións gastronómicas

Os ditos menús son elaborados por cociñeiros que representan ás asociacións gastronómicas galegas –Amigos da cociña galega, Club gastronómico Rías Altas, Xantares e Asociación de Restaurantes Galegos- .

Por medio deste acordo de colaboración, Ternera Gallega comprométese a subministrar a materia prima que formarán parte do menú.

Pola súa parte, Turgalicia incluirá nas invitacións que expida para as distintas presentacións da oferta turística galega os logotipos da marca Ternera Gallega, e distribuirá entre os asistentes material de promoción destes produtos gastronómicos da comunidade galega.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, leva a cabo estas presentacións desde hai varios anos co obxecto de promover os encontros profesionais, onde entra en contacto o sector turístico galego coas canles de comercialización das axencias de viaxe e transporte, maioristas, así como con autoridades turísticas locais e medios de comunicación. Este ano, máis de 70 empresas galegas do sector turístico acudirán a cada unha das cidades seleccionadas.

En cada presentación ten lugar tamén unha degustación da gastronomía galega que conta coa representación das asociacións de restauradores de Galicia.

Estes encontros son de grande aceptación entre os representantes turísticos das cidades visitadas e constitúen un dos medios máis directos para informar da oferta turística galega aos axentes de comercialización.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia