Skip to main content

Declarada de interese cultural a aldea de Froxán, en Folgoso do Courel

A Xunta de Galicia, por Decreto 205/2006 (D.O.G. do 16 de novembro), ven de declarar Ben de Interese Cultural, como lugar de interese etnográfico, a aldea de Froxán, de S. Vicente de Vilamor (Folgoso do Courel).

Esta aldea representa un destacado ejemplo de vida tradicional nesta singular bisbarra, de xeito que a dureza do clima e da topografía, o seu illamento secular e a súa pobreza económica, que contrasta fortemente coa súa riqueza natural e paisaxística, permitiron o mantemento de formas de vida tradicionais que en moitos casos se achegaron á época medieval, en concreto a arquitectura, a construcción, a tradición, a paisaxe e os costumes.

En Froxán, os casaríos vanse instalando aos lados dos camiños, que dentro da aldea se van ramificando. As construccións, xeralmente de muro de cachotaría e cuberta de lousa, vanse pegando e colocando de forma que protexen o espazo público constituído pola rúa.

Esta aldea é un conxunto urbano de salientable interese e valor
etnolóxico e arquitectónico desde o punto de vista da súa
configuración espacial, caracterizado pola forte adaptación e
dependencia da topografía sendo, ademáis, un claro exemplo da
arquitectura popular das serras orientais de Galicia.

O conxunto edificado complementáse cos seguintes elementos que
configuran a imaxe da aldea:

- Dúas ou tres pequenas eiras no bordo da aldea, entre as que destaca unha pola súa posición, que a converte nun inmellorable miradoiro sobre o conxunto, e unha eira principal, situada no seu corazón, que constitúe o principal espazo público de reunión.
- Varios alpendres, fornos e alvarizas asociadas ás vivendas.
- Os palleiros, que ocupan moitas veces a parte superior das cortes.
- A fonte e o lavadoiro
- Os regos de auga, camiños estreitos, carreiros, muros e valados, que conforman unha unidade especial, formal e funcional coherente que reforza o carácter unitario do conxunto e a súa imbricación co contorno natural.
- A pequena capela, anexa da igrexa parroquial de Vilamaior, e a
escola, únicos edificios públicos da aldea.

No Concello de Folgoso do Courel tamén está declarada Ben de interese cultural, como lugar de interese etnográfico, a aldea de Seceda.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia