Skip to main content

Quintana aposta pola promoción do patrimonio termal como fórmula para xerar riqueza na Galicia interior

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou por promocionar o patrimonio termal de Galiza e aproveitar o turismo termal como fonte de riqueza, de postos de traballo e como fórmula para fixar poboación no medio rural. Así o apuntou Quintana no acto de inauguración da VI edición de Termatalia, a Feira Internacional do Turismo Termal, Termalismo, Talasoterapia e Spa, que se celebra en Ourense.

Na súa intervención o vicepresidente explicou que os balnearios atópanse principalmente en zonas de interior, o que os converte nunha gran oportunidade para dinamizar a economía destes territorios. Isto fai que as zonas do interior de Galiza, ata agora esquecidas ou marxinadas, conten cun gran potencial que ofrecer no eido turístico, o que se pode converter nunha importante fonte de riqueza para o territorio e a para a súa poboación.

Anxo Quintana tamén asegurou que para o goberno galego é moi importante valorizar os dous vectores que teñen o termalismo e a cultura balnearia: por unha banda o sanitario e terapéutico e por outra o lúdico e turístico. “Estamos convencidos de que lonxe de ser incompatibles un dalle sentido ao outro” indicou. Así, esa capacidade terapéutica de inclusión das infraestruturas balnearias nos itinerarios sanitarios serve para darlle unha marca de distinción aos balnearios galegos e esa marca permítelle inscribirse dentro do comercio turístico “con moitísima máis forza e capacidade”. Para Quintana “esa é a estratexia”.

Anxo Quintana lembrou que o turismo é un dos motores da economía galega, xa que representa preto do 12% do PIB e o 13% do emprego, e fixo especial referencia á posición de liderato que ocupa Galiza na modalidade de turismo termal. Neste senso, Quintana apuntou que é preciso seguir a traballar para consolidar esta posición, “aproveitando todas as nosas posibilidades, promocionando o termalismo con identidade propia, capaz de competir cos produtos doutros territorios sobre a base da calidade e a diferenciación”.

Para Quintana o termalismo representa “unha oportunidade para Galiza e para Ourense en particular”, polo que “temos ante nós o reto de manter e incrementar o número de visitantes”. Así, subliñou a necesidade de diversificar a oferta e ofrecerlle aos turistas todas as posibilidades que ofrece o termalismo galego, para o que é preciso poñer en valor todo o patrimonio termal e aproveitar o auxe e o interese crecente por esta modalidade turística.

Compromiso institucional

Ademais, Quintana lembrou o compromiso do Goberno galego con esta iniciativa e fixo referencia ao acordo asinado recentemente entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Innovación e Industria coa finalidade de para potenciar o desenvolvemento económico das zonas con estacións termais e instalacións de turismo rural a través do fomento destas actividades entre as persoas maiores e a xente moza. Esta iniciativa, que contará tamén coa participación do estamento sanitario, ten como obxectivo que todas as persoas maiores de 65 anos que o desexen poidan pasar por unha instalación balnearia nos vindeiros catro anos. Segundo indicou Quintana, a finalidade é promover a ocupación das instalacións balnearias en tempada baixa, para contribuír así ao seu fortalecemento e á súa introdución comercial.

No mesmo sentido, Anxo Quintana adiantou que a comezos do vindeiro ano se anunciará a posta en marcha dun novo estamento que ten que servir para que todo o que rodea o termalismo teña non só continuidade, “senón tamén capacidade de innovación, de estudo, de interpretación das novas necesidades e de busca de solucións para as mesmas”. Esa formulación tecnolóxica, que se concretaría na forma de instituto ou de centro, porase en marcha e terá a súa sede na provincia de Ourense.

Segundo apuntou Quintana, Galiza conta cunha gran riqueza cultural, patrimonial e natural que tanto as Administracións como o sector privado e a sociedade en xeral deben preservar e revalorizar, “facendo deste patrimonio un factor de desenvolvemento tamén para a Galiza do interior”. Nesta liña, o vicepresidente da Xunta salientou o importante papel que xoga a feira Termatalia, que cada ano incrementa o seu nivel de participantes e visitantes, proxectando así todas as posibilidades do turismo termal de Galiza cara o resto do mundo. Termatalia é actualmente a única feira internacional do turismo termal de España, o que pon de manifesto o potencial de Galiza neste eido, e de Ourense en particular como referente do termalismo galego.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia