Skip to main content

O turismo galego medrou este ano en relación co 2005

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, fixo con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, balance do exercicio turístico en Galiza.

O Titular de Innovación e Industria, que estivo acompañado do director Xeral de Turismo, Rubén Lois González, e dos xerentes de Turgalicia e a S. A. do Xacobeo, Xesús Pereira e Ignacio Rodríguez, respectivamente, afirmou que os principais indicadores do sector medraron con respecto ao 2005 e mesmo, nalgún caso, en relación co Xacobeo 2004.

Segundo Fernando Blanco, nos oito primeiros meses do ano subiu o número de viaxeiros en hoteis e turismo rural, a oferta hoteleira e o número de pasaxeiros nos aeroportos galegos, malia que nos meses de verán houbo algunha pequena baixada no grao de ocupación hoteleira, “lóxica se temos en conta o incremento da oferta –nun 6% en relación con 2005– engadiu”.

O conselleiro, que manexou datos de diversas fontes estatísticas –enquisas da Dirección Xeral de Turismo, estudos do Instituto Galego e Nacional de estatística e informes do propio sector– dixo que entre xaneiro e agosto medrou nun 4,8% o número de viaxeiros en hoteis, pasándose de 2.170.920 a 2.275.328 viaxeiros, así como as pernoitas, que creceron un 6,9% (pasouse de 4.189.875 a 4.482.396), engadindo que neste feito tivo que ver o incremento da estadía media dos turistas.

Verán

En relación cos datos do pasado verán, Blanco Álvarez informou dun incremento da demanda do 6,4% nos meses de xullo e agosto, en relación co mesmo período de 2005, pasándose de 875.063 viaxeiros a 931.076. O medre en agosto foi do 6,2% sobre o 2005 (pasouse de 471.423 viaxeiros a 500.686) e dun 3,4% en comparación con 2004 (entón houbera 484.041 viaxeiros en hoteis).

En canto ás pernoitas, o aumento sobre o ano pasado foi aínda maior, pasándose de 2.084.713 na suma de xullo e agosto de 2005 a 2.270.246 este ano (incremento do 8,9%), e rexistrouse tamén unha suba considerable (do 3,3%) en relación co pasado Xacobeo (2.196.993 pernoitas en xullo e agosto). O grao de ocupación hoteleira no mes de agosto baixou en comparación co 2005 (do 87,6% ao 84,89%), diminución que o conselleiro cualificou como “lóxica, se temos en conta o incremento de prazas hoteleiras” (pasouse 44.108 a 46.846 de 2005 a 2006, un incremento do 6%).

Turismo Rural

En relación co turismo rural, e utilizando as enquisas do IGE, o Titular de Innovación e Industria explicou que o incremento de viaxeiros entre xaneiro e agosto deste ano e o mesmo período de 2005 foi do 6% (de 104.961 viaxeiros a 111.261). O incremento no conxunto do verán (xullo e agosto) foi menor, cifrándose no 1,7% en relación co 2005 e no 1,3% sobre o 2006 (53.371 viaxeiros nas casas rurais sumando xullo e agosto de 2004, 53.557 en 2005 e 54.266 este ano).

Campings

Nos campings galegos rexistrouse unha baixada do 17,06% en número de viaxeiros entre 2005 e 2006 (de 890.137 a 760.426), contabilizando os 8 primeiros meses do ano. Esta circunstancia, segundo Fernando Blanco, responde a unha tendencia que se ven dando nos últimos anos e que levou ao Goberno Galego a impulsar reformas legais para incrementar a porcentaxe de bungalows nestas instalacións, que son cada vez máis demandados polos turistas. Ademais, puntualizou, “hai que salientar neste caso a incidencia dos incendios durante o mes de agosto pasado”.

Aeroportos

O conselleiro de Innovación e Industria apuntou tamén, a título ilustrativo, datos de incremento de pasaxeiros nos aeroportos galegos, tanto na comparativa do mes de agosto como no acumulado do ano, salientando os incrementos rexistrados no aeroporto de Alvedro, na Coruña, que medrou en número de pasaxeiros un 13,5% en agosto e ata 19,8% no conxunto do ano. Lavacolla creceu un 4,1% en agosto e un 8,6% no acumulado do ano e Peinador un 1,3% en agosto e un 7,55% nos oito primeiros meses, en relación con 2005.

Por último, Fernando Blanco destacou que no mes de agosto pasado, sumando os viaxeiros rexistrados en toda a oferta aloxativa (hoteis, hostais, pensións, fondas, campings, turismo rural e apartamentos turísticos), Galicia recibiu máis de un millón de turistas (1.008.165).

Declaración institucional

Antes de facer o balance turístico, o conselleiro deu lectura a unha declaración institucional con motivo do Día Mundial do Turismo –que este ano ten como lema “o turismo é riqueza–, na que lembrou o peso que o sector ten na economía galega (representa en torno a un 12 por cento do PIB e o 13 por cento do emprego).

Ademais, fixo unha chamada a “coidar este sector e nomeadamente aos turistas que nos visitan” e a “esforzarnos para mellorar a calidade da oferta”. Neste sentido, dixo que neste mesmo mes de setembro oito novas casas rurais galegas acadaron a “Q” de calidade turística”, co que xa son 94 os establecementos de diversa tipoloxía que teñen a certificación turística en Galiza.

Reiterou que a personalidade propia de Galiza –con elementos singulares como a lingua– constitúe un “recurso innegable do destino, que nos identifica e posiciona como territorio orixinal e único, algo que non deixamos de insistir nas nosas campañas promocionais”.

Rematou a súa intervención manifestando o firme compromiso do Goberno Galego co turismo, no sentido de “traballar da man do sector e a sociedade en xeral, cara a definitiva consolidación desta actividade como base fundamental da economía, a cultura e a personalidade de Galiza”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia