Skip to main content

A FEG critíca a política da Consellería de Medio Ambiente a respecto do Salmón

Ante o inicio da tempada de pesca, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) ve con preocupación a situación das comunidades piscícolas galegas e, en particular, das poboacións de especies migratorias, nomeadamente do salmón, especie en grave perigo de extinción nos nosos ríos. A FEG demanda á Consellería de Medio Ambiente unha actuación decidida a favor dunha pesca sostíbel e en defensa do medio fluvial.

Xustificandose por un suposto aumento das especies migratorias (salmón, reo, sáboga, etc...) nos últimos anos, a Consellería de Medio Ambiente vén de eliminar as medidas de conservación e recuperación das poboacións naturais. Un aumento que non está apoiado por técnicos e científicos.

Peches das presas

A principio dos noventa adoptáronse medidas para evitar o declive do salmón, reo, lamprea ou sáboga dos ríos nos que tradicionalmente se pescaba. Estas medidas consistiron na eliminación de obstáculos, na apertura de presas e o peche de cotos. Nos últimos anos estanse a volver pechar estas presas pola presión dalgúns pescadores. Estes peches dificultan o paso dos peixes e facilitan a pesca augas abaixo das presas. Alén disto, reducen os tramos de río úteis para estas especies.

Cupos arbitrarios

Os expertos nas poboación de salmón dos nosos ríos, tanto os da Xunta como os alleos a ela, recomendan uns cupos de capturas inferiores aos que se veñen establecendo ano tras ano pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

Pesca marítima
O artigo 30 da Lei de Pesca Fluvial de Galicia prohíbe a pesca do salmón e do reo nas augas marítimas competencia da Comunidade Autónoma Galega. Porén, practicamente todos os anos estanse a subhastar estas especies nas lonxas galegas. Isto acontece de forma particularmente destacada nas lonxas da ría de Arousa.

Mala xestión dos recursos piscícolas e conservación dos hábitats fluviais
Os coutos de pesca ano tras ano teñen que repoboar as súas augas. Isto responde á falla de plans adecuadas de xestión dos recursos piscícolas e á falla de estudos dos esforzos de extración nestes coutos que poidar establecer o números de pescadores e os cupos que os coutos poden soportar.

Se á deficiente xestión da pesca fluvial sumamos a destrución da vexetación de ribeira, (muro de protección fronte á erosión e á contaminación e fonte principal de nutrientes a estes hábitats), a contaminación e o irracional e desmesurado aproveitamento hidroeléctrico, temos os principais factores que contribúen ao empobrecemento das poboacións piscícolas.


Federación Ecoloxista Galega