Skip to main content

Innovación e Industria colaborará con Agatur e cos hosteleiros de Ourense e Santiago en actuacións de promoción da oferta turística galega

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, asinou en Santiago tres convenios de colaboración coa Federación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Ourense, a Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela e Comarca, e a Asociación Galega de Turismo Rural, respectivamente, dentro da súa política de cooperación con todas aquelas actividades que contribúan a potenciar, promocionar e difundir a oferta turística galega.

En virtude do convenio asinado coa Federación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Ourense, a consellaría achegará 24.000 euros para a realización de varias actuacións, en concreto a reedición de folletos turísticos das vilas de Verín, Ribadavia, Carballiño, Xinzo, O Bolo, Barco de Valdeorras e a cidade de Ourense (a razón de 3.000 exemplares por localidade), e a reedición de salvamanteis de cafetería con inserción do mapa provincial en cores, no que se representan as ofertas de caza e natureza de cada zona (100.000 unidades). O convenio conta cun presuposto total de 40.000 euros.

Innovación e Industria colaborará tamén coa Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela e Comarca na instalación dun Punto de Información Turística no aeroporto de Santiago, na edición de 200.000 unidades de guías turísticas informativas de Santiago e Comarca, e na ampliación e actualización da páxina web da asociación. A consellaría achegará 90.000 dos 150.000 euros cos que está orzamentado o convenio.

O departamento autonómico asinou un terceiro convenio, neste caso coa Asociación Galega de Turismo Rural (AGATUR), á que achegará 35.000 euros para a realización de distintas actuacións. AGATUR editará unha guía de peto coa información das casas de turismo rural asociadas (25.000 exemplares), asistirá con stand propio a exposicións de promoción turística, e realizará distintas accións de promoción, como a adquisición e distribución nas casas de produtos de acollida. O orzamento total deste convenio ascende a 43.000 euros.

O titular de Innovación e Industria asinou tamén esta mañá outros dous convenios de colaboración para a organización de dous eventos deportivos de trascendencia turística: o XXIX Trofeo Príncipe de Asturias – Regata Internacional K-4 e C-4 de piragüismo e o III Campionato de España de Profesionales de Club APG.

A primeira destas citas, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, desenvolverase o vindeiro 15 de agosto na ría de Pontevedra e contará para a súa organización cunha achega da consellaría de 15.000 euros.

Innovación e Industria destinará 17.000 euros para a celebración do III Campionato de España de Profesionales de Club APG, que organiza a Asociación de Profesionales de Golf de España e ten lugar entre os días 26 e 28 de setembro no campo de golf do Balneario de Mondariz.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia