Skip to main content

Amigos da Terra considera que a Xunta debe asegurar ao cidadán que vese obrigado a participar na extinción pola feble política de loita contra incendios

“Unha vez máis estamos presenciando que tras un ano se alarde dende o goberno de estarse invertindo na prevención dos incendios, estamos nunha situación na que incluso a extinción estase facendo imposible” declaran os ecoloxistas.



Neste momento, que todo arde, que os medios parecen non ser suficientes, tampouco se está permitindo á cidadanía participar na extinción dos lumes dun xeito ordenado e organizado. Ante as situacións de emerxencia que se viven, os cidadáns enfróntanse ao lume para salvar as súas pertenzas, pero os riscos non están sendo asumidos pola Xunta. “¿Cántos mortos imos necesitar para que o goberno galego se decate que os medios son insuficientes ano tras ano? Fan falla máis dispositivos especializados na extinción, e se están a pedir a colaboración cidadá, que o fagan proporcionándolle un seguro, unha formación, unha organización e plantexamento útil e seguro”



Amigos da Terra pide a colaboración da cidadanía que se acheguen aos seus concellos prestándose coma voluntarios, e desde os concellos co seu equipo técnico forestal se poñan as medidas oportunas para que este voluntariado sexa útil, fuxindo da improvisación que nesta situación pode causar mortes e danos irreversibles á saúde, que non se deben lamentar despois. Debe aprenderse doutras experiencias vividas, e comecemos pois a traballar de maneira organizada. A organización tamén solicita que a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade despregue os dispositivos oportunos para que este voluntariado poida ser exercido polos concellos así como á Consellería de Medio Rural que colabore cos medios materiais necesarios.



O problema non é que nesta situación non apareza unha forza suficiente que o resolva, senón que exista o propio problema: Que despois de tantos veranos de lumes a situación non mellore, tan só empeore. “Non se pode resolver o problema forestal galego nunha situación de emerxencia coma a actual, soamente con políticas que aposten pola diversificación do monte, da súa valorización económica e social, que free o abandono do mesmo, que promova o seu coidado, que inclúa penas máximas para os incendiarios, que asegura a vixilancia dos espazos forestais continua e intensa....soamente con isto podemos agardar non perder os nosos montes na próxima década”.



O Decreto da Xunta do 2006 polo que se regulan as medidas de prevención de incendios forestais é feble en comparación con outras comunidades autónomas, o que demostra a falta de rotundidade nas intencións de frear os incendios e conservar os montes: hai medidas como a non regulación do tráfico de vehículos a motor no espazo forestal, deixar nas mans dos concellos a autorización para o lanzamento de foguetes, o permiso para facer fogueiras en zonas habilitadas para tal fin cando o problema é o estado de abandono no que se atopan as áreas recreativas e as denominadas “zonas habilitadas”, a rebaixa da esixencia dos 30 anos do cambio de uso dunha zona forestal en caso de ser incendiada en moitos casos (“actitude agroforestal dos terreos, cambio do uso forestal a uso agrario ou gandeiro extensivo daqueles montes non arbolados con especies autóctonas, incultos ou en estado de abandono”).



Meses atrás a organización ecoloxista declaraba sobre a necesidade de que o Goberno tiña que crear os Consellos Forestais onde cada grupo interesado achegaría a súa opinión e as súas propostas de solucións, tentando frear o uso dos incendios forestais como arma arroxadiza se os resultados non foran os esperados.



A pesares de que no VI Programa Comunitario de Medio Ambiente 2001-2010 se recolle que “a elaboración das políticas de desenvolvemento rural e de protección do medio ambiente debe basearse no diálogo e a participación cidadá”; o Consello Forestal de Galiza non practica esta declaración o que trae que a realidade dos montes galegos e as súas necesidades non sexa transmitida dende os usuarios dos mesmos e se poda deseñar unha estratexia consensuada.

Nuria Alonso Leal- Centro IRIS de medio ambiente