Skip to main content

Innovación e Industria colaborará con autoridades xaponesas na promoción conxunta dos Camiños de Santiago e Kumano

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois González, recibiu unha delegación xaponesa encabezada por Yoshiki Saratani, alcalde da vila de Totsukawa, un dos fitos do camiño de peregrinación de Kumano, que está a realizar unha viaxe de prospección polo Camiño de Santiago na compaña de técnicos do seu municipio e un equipo da televisión de Tokio.

O rexedor desta localidade da provincia nipona de Nara e o director xeral acordaron establecer canles de comunicación cara á promoción conxunta da Ruta Xacobea e o Camiño de Kumano, como vías de peregrinación que teñen en común o seu carácter espiritual, cultural e turístico.

A delegación xaponesa percorreu nos últimos días o Camiño Francés a Compostela, entrevistándose con autoridades municipais, peregrinos e veciños das vilas polas que atravesa a ruta, para coñecer de primeira man o fenómeno xacobeo, e especialmente a incidencia do Camiño na dinamización social e económica de áreas rurais.

Experiencia galega

Segundo explicou o alcalde de Totsukawa, a súa intención é aproveitar e aprender da experiencia galega de posta en valor e promoción do Camiño de Santiago, para aplicar iniciativas semellantes ao Camiño de Kumano buscando, como obxectivo primordial, frear o despoboamento que sofre este concello de montaña, que por extensión territorial é o maior do país nipón, pero que non acada os 2.000 habitantes na actualidade, fronte aos máis de 15.000 que tiña a comezos do século XX.

Na entrevista a delegación xaponesa acordou co director Xeral de Turismo manter contactos cara a promoción conxunta de ambas rutas, barallándose a posibilidade de organizar algún evento especial con carácter conxunto en 2010, coincidindo coa celebración do Ano Santo compostelán e dos 1.300 anos de fundación de Nara, capital da provincia do mesmo nome, á que pertence a vila de Totsukawa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia