Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria e a Deputación Provincial de A Coruña colaboran para mellorar a calidade turística en Portodemouros

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, asinaron un convenio para o desenvolvemento dun plan piloto de mellora da calidade turística en Portodemouros. O orzamento deste convenio ascende a 1.200.000 euros, achegados a partes iguais por ambas as institucións en distintas anualidades ata o 2008.

Tanto a Consellaría de Innovación e Industria, que ten as competencias de Turismo, como a Deputación da Coruña, consideran que a mellora da competitividade turística dos concellos de Portodemouros (Melide, Toques, Santiso, Sobrado, Arzúa, Touro, Boimorto, O Pino, Vedra e Vilasantar) e a súa sustentabilidade económica, social e ambiental precisan dunha mellora da calidade do seu medio urbano e natural, dunha ampliación e mellora dos servizos públicos, unha adaptación ás tendencias da demanda e a posta en valor de novos recursos turísticos. A confluencia das formulacións das dúas partes aconsella a coordinación das súas actuacións e a realización conxunta de proxectos, motivación á que responde o convenio asinado hoxe.

O Plan prevé a realización dun conxunto de actuacións cos obxectivos de dotar a zona de infraestruturas, equipamento e servizos turísticos; potenciar a diversificación e mellorar a oferta complementaria; crear novos produtos turísticos; poñer en valor o patrimonio cultural e natural; sensibilizar, formar e implicar a poboación e axentes locais nunha cultura da calidade; comunicar, promocionar e comercializar a oferta turística.

As actuacións aprobadas ao abeiro deste plan deberán respectar o principio de turismo sustentábel como principal eixe de desenvolvemento socioeconómico para este territorio no futuro, cunha aposta decidida pola calidade e singularidade do producto; e mais o principio da reflexión estratéxica global, que busque a coordinación de actuacións que incidan no sector turístico por parte das diversas administracións públicas con competencia neste territorio e das comarcas limítrofes de Pontevedra, prestando unha especial atención ás políticas de integración ambiental e de desenvolvemento rural, e que xire en torno aos dous eixes vertebradores da zona como destino turístico: o Camiño de Santiago e o Encoro de Portodemouros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia