Skip to main content

Via Stellae, o I Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, recibe numerosas loubanzas nas revistas especializadas de difusión estatal

O día 5 de xullo da comezo en Santiago de Compostela o encontro ‘Via Stellae’, o I Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, que está organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería e Innovación e Industria en colaboración co Concello de Santiago de Compostela. O festival está dirixido por José Víctor Carou, presidente da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza. O festival, dez días antes da súa inauguración en Santiago de Compostela, está a xerar gran interese entre as revistas especializadas en música clásica. A calidade dos intérpretes e da programación, entre a que se inclúen as mellores gravacións do ano, son algúns dos aspectos destacados polas publicacións de temática musical.

Nos números de xuño, as principais revistas especializadas en música clásica de difusión estatal fanse eco do interese da programación da primeira edición deste Festival Via Stellae. Na revista Variaciones, no seu número 19, explícase que “un festival é sempre, ou debera ser, a explicitación identitaria dunha realidade cultural. O Camiño de Santiago é, sen dúbida, un dos eixes de maior calado cultural en España e en Galicia, como alfa e omega do Camiño, desenvolvéronse nos últimos anos numerosas propostas que quizais non tiveron, ata o de agora, a suficiente proxección como para facer rendible o gran bagaxe cultural. Galiza estaba necesitada do gran festival do Camiño e este ano, finalmente, presentase a primeira edición do Festival Via Stellae, unha proposta que, sobre o programa, está a altura das máis importantes citas europeas”. O texto engade que o festival é “unha aposta que, se consegue afianzarse nos últimos anos, vai ser un auténtico referente e unha ledicia para os afeccionados locais e foráneos que agora teñen unha nova razón para visitar Santiago”. “Un programa de luxo para esta primeira edición que oxalá teña continuidade”, conclúe.

Pola súa banda, na revista Ópera Actual, no seu número 91, coméntase que “o 5 de xullo verá a luz o I Festival de Música de Compostela e os seus Camiños, bautizado Via Stellae. Durante as pouco máis de tres semanas de duración do festival visitarán a capital galega Fabio Biondi e o seu grupo Europa Galante, Antonio Florio e a Cappella de’ Turchini, Eduardo López Banzo e Al Ayre Español, Marc Minkowski e Les Musiciens du Louvre e Rinaldo Alessandrini e o Concerto italiano, entre outros persoeiros musicais e formacións de gran prestixio internacional”.

No número 110 da revista Melómano recóllense estas verbas sobre o festival: “todos os camiños históricos de peregrinación á tumba do Apóstolo serán percorridos en emocionantes citas musicais (...) Galiza, terra de lendas e tradicións medievais, ve nacer este verán de 2006 a un novo festival de música integramente consagrado ao Camiño de Santiago e a súa historia. Baixo o título I Festival de Música de Compostela e os Camiños, o público descubrirá un punto de encontro das máis destacadas agrupacións e artistas especializados na música da época na que todos os camiños conducían a Santiago (...) Os afeccionados á música renacentista e barroca sorprenderase de atopar aos intérpretes das mellores gravacións do ano neste terreo, precisamente coas obras rexistradas nela (...) Sen dúbida algunha, un percorrido exhaustivo que merecería a pena percorrer na súa totalidade escoitando cada un dos concertos”.

A prestixiosa publicación Goldberg inclúe no seu numero 40 unha alusión ao festival organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo a seguinte opinión: “todos os camiños musicais levan a Santiago: por primeira vez vaise celebrar o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños ‘Via Stellae’, un festival que se presenta cun formato e unha programación excepcional”.

‘Via Stellae’ inclúe 43 concertos que se dividirán entre a capital galega e algunhas das vilas situadas en todos os Camiños que conducen a ela.











Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia